A TVG emitirá o 'Foro La Toja' coa presenza de Ehud Olmert, ex primeiro ministro israelí "responsábel da devastación de Gaza"

Ehud Olmert e George Bush. (Foto: Eric Draper / White House)
"Ante esta provocación, a solidariedade galega chama a mobilizarse este 4 de outubro ás 10:30 horas na rúa Castelao do Grobe (O Salnés)", sinala a CIG nun chamamento á sociedade civil para realizar un rexeitamento público na localidade na que ten lugar a xornada coa participación do ex primeiro ministro israelí.

"A mesma Televisión da Galiza, onde a censura impide ver en directo debates parlamentarios (mesmo sobre temas tan pouco frecuentes como a defensa dunha ILP), vai emitir integramente todas as sesións dun evento privado: o Foro La Toja", esta é a denuncia que fai a conta de X @tvgcensura.

Neste sentido, a televisión pública galega anunciou que emitirá o evento co topónimo deturpado. "Xa hai data para o foro de debate da Toxa, será do 2 ao 4 de outubro, e nel analizarase a convulsa situación internacional", destacaron desde o telexornal da canle.

"Entre os seus interlocutores estarán o ex primeiro ministro israelí, Ehud Olmert, e o politólogo e xadrecista Garri Kasparov", continúa a nova emitida pola TVG. "Todas as xornadas poderán seguirse por esta canle, na G2 e en liña", confirma o telexornal da televisión pública galega.

Rexeitamento da presenza de Olmert

Xa son varias as voces que denunciaron a presenza de Olmert neste foro e que rexeitaron a difusión do seu discurso na TVG, entre elas a da principal forza sindical da Galiza, a Confederación Intersindical Galega (CIG). " Rexeitamos a presenza do ex primeiro ministro israelí Ehud Olmert no noso país con motivo da súa asistencia ao Foro da Toxa o vindeiro sábado 4 de outubro", destaca a organización.

A CIG fai mención ao xenocidio en Gaza para explicar este rexeitamento. "Agora é Netanyahu, antes foi Olmert, principal responsábel da devastación de Gaza durante a operación 'Chumbo Fundido' nos anos 2008 e 2009", relata o sindicato nacionalista.

Neste operación, lembra a organización, Israel "asasinou e feriu milleiros de persoas palestinas, bombardeando hospitais, escolas, vivendas e infraestruturas civís, así como impedindo a entrada de axuda humanitaria, tal e como sucede na actualidade".

"Ante esta provocación, a solidariedade galega chama a mobilizarse este 4 de outubro ás 10:30 horas na rúa Castelao do Grobe (O Salnés)", sinala a CIG nun chamamento á sociedade civil para realizar un rexeitamento público na localidade na que ten lugar a xornada coa participación do ex primeiro ministro israelí.