A TVG retransmitiu en directo a Xunta Directiva do PP galego

Intervención do presidente do PP galego, Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Arxina)
Montse Prado lembrou que se trataba "dun acto do PP, non da Xunta, por moito que queiran que pareza o mesmo"

A Corporación de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) retransmitiu en directo a intervención do presidente do Partido Popular (PP) na Galiza, Alberto Núñez Feixoo, durante o transcurso da Xunta Directiva dos populares que decorreu nesta cuarta feira no multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela.

O ente público galego conectou a sinal en directo co acto partidista do PP, pese a non tratarse dunha intervención institucional de Feixoo como presidente do Goberno galego.

A deputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Parlamento galego Montse Prado, sinalou nas súas redes sociais que "a TVG interrompe a programación e retransmite en directo e integramente o mitin de Feixoo".

"Era un acto do PP, non da Xunta, por moito que queiran que pareza o mesmo", engadiu a nacionalista, quen lembrou que "a TVG pagámola os galegos e as galegas cos nosos impostos".

Denuncia ante a xunta electoral 

Non é a primeira vez que o BNG denuncia o uso "partidista". Durante a campaña electoral das eleccións galegas de 2020, Montse Prado anunciou que o BNG "ía denunciar a TVG polo silencio ao que somete á candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón”.

O PP, explicou, tenta anular ao contrario e para iso non dubidou en “quitarlle a voz” á portavoz nacional do BNG e candidata á Xunta, Ana Pontón. Durante días, explicou Prado, “observamos a escasa información do BNG, con  imaxes e unha  “voz en off” mentres son emitidos os totais completos das outras forzas políticas”.

Para a nacionalista, o control do PP sobre os medios públicos galegos e a súa conversión “nunha terminal de propaganda do PP” quedou de manifesto ao longo destes once anos, pero agora acentúase “até a náusea” cando en plena pandemia da COVID-19 houbo máis de “40 comparecencias televisadas de Feixoo” convertidas en “40 mitins encubertos” en horario de máxima audiencia e superando 40 horas de pantalla con máis de 2.400 minutos. “Nin franco saía tanto no NO-DO como Feixoo na TVG”.