A TVG, aos pés de Cayetana Álvarez de Toledo

Un momento da entrevista (CRTVG)

A entrevista no espazo ‘Bos Días’ da deputada do PP por Barcelona, e en castelán a petición da entrevistada, volveu poñer en primeira liña a función dos medios públicos.

 

Entrevista no programa ‘Bos Días’, un dos principais da TVG, a cargo do redactor xefe de Informativos da Televisión Galega e no idioma que pide a propia entrevistada, o castelán, porque é, dixo, “el que nos une”.

 Cayetana Álvarez de Toledo hai tempo que saíu da primeira liña política e informativa do estado español. Mais na TVG déronlle un trato informativo do que carecen outros líderes políticos na Galiza. “Xa foi máis entrevistada na TVG que a líder do BNG e da oposición”, denunciaba o Bloque nas redes sociais.

As redes sociais ‘ferveron’ coa entrevista. Basicamente por dúas cuestións. A primeira, a de entrevistar unha deputada que pouco di a Galiza e que aproveitou a entrevista para debullar os argumentos da dereita pura.

En segundo, polo feito de que a CRTVG, “unha vez máis”, deixase de lado o seu compromiso coa lingua propia, obriga recollida nos seus propios estatutos. ”Imos facer a entrevista en castelán, tal e como pediu [Cayetana Álvarez]” di Marcos Sueiro, o entrevistador ao inicio da conversa.

 A deputada do PP aproveita a súa primeira intervención para falar desa petición. E non di que pedise que se lle entrevistase en castelán porque tería dificultades para entender o galego. A resposta foi o habitual entre os defensores do ‘supremacismo’ do español sobre o resto de linguas do Estado: “Pedín que fose en castelán porque temos unha lingua común, un valor importante, para podernos comunicar nunha lingua que nos une e porque me interesa máis o que nos une que o que nos separa”.