Turistas de diferentes partes do Estado chegan a Galiza malia o feche perimetral

Turistas polas rúas de Sanxenxo, en foto de arquivo (Foto:Europa Press)
A maioría dos viaxeiros proceden de Madrid, con 40% dos contaxios no Estado

O procedemento de sanción aberto pola policía local de Cambados ao dirixente da oposición venezolana residente en Madrid, Leopoldo López, por atoparse irregularmente na localidade do Salnés, saca á luz pública os incumprimentos das restricións á mobilidade impostas polo Goberno estatal e evidencia que os feches perimetrais vixentes durante toda a Semana Santa non están impedindo á chegada masiva á Galiza de cidadáns do resto Estado.

Leopoldo López non é unha excepción no país. Casos semellantes aos do político venezolano, aloxado na vivenda do ex embaixador español en Venezuela, Jesús Silva, na urbanización de Raeiros no Grove son habituais en toda a Galiza costeira. Sen ir máis lonxe, o anfitrión e acompañante de López, o diplomático e alto cargo dos Executivos de Mariano Raxoi, Jesús Silva, tamén reside en Madrid.

“A urbanización de Raeiros, cuxas vivendas son propiedade na súa práctica exclusividade de madrileños, están a tope”, sinala a Nós Diario, un comerciante do Grove que quere preservar a súa identidade. “As persoas de fóra que teñen unha segunda residencia aquí viñeron practicamente todas nesta Semana Santa e só hai que ver como están as rúas e os negocios para darse conta do aumento da poboación”, continúa Alfredo, quen destaca que “no meu negocio as vendas son practicamente as mesmas que a doutros anos por estas datas. O que si que falta é o turismo de hotel”.

Unha historia común á Galiza costeira

A historia de Alfredo repítenola Manuel para a comarca da Mariña. Manuel, propietario dunha cafetaría en Foz, recoñece a Nós Diario que “esta Semana Santa aquí en Foz está sendo un alivio para os negocios da hostalaría que levamos un ano pasándoo moi mal. Na zona do porto e da praia, as terrazas están cheas e os supermercados non dan feito”. Neste sentido lembra que o 40% do parque de vivendas da localidade está dedicado á segunda residencia “e a xente de Madrid que ten piso en Foz aproveitou estas datas para vir”.

Luísa traballa nun supermercado en Fisterra. Ao igual que Alfredo e Manuel solicita gardar o anonimato para falar “porque non quero problemas, que a situación está moi complicada e aínda se vai pór peor”. Ela notou estes días no seu traballo un importante aumento das vendas, “case estamos facturando como nos días de verán” e apunta que “os clientes son persoas de Madrid, sobre todo, que teñen aquí un piso para pasar as vacacións e aproveitan os días festivos”. Neste sentido, afirma que “na súa maioría están en Fisterra desde a fin de semana do Domingo de Ramos e moitos son coñecidos porque levan vindo xa moito tempo”.

O turismo residencial concentra a práctica totalidade dos turistas desprazados á Galiza. Se ben os aloxamentos hostaleiros están rexistrando unhas reservas para esta fin de semana que se sitúan entre 40% e 80%, neste caso proceden na súa maioría do turismo nacional.

A este respecto, desde a patronal hostaleira teñen sinalado o risco de promover os desprazamentos neste momento por razóns de orde sanitaria e económica, significando que unha mala xestión da pandemia na Semana Santa pode provocar a perda do verán.

Volver repetir o de hai un ano

A importante presenza de turistas españois no país está a provocar unha gran preocupación entre a poboación da Galiza costeira. Neste sentido, xera unha especial inquietude a chegada de cidadás e cidadáns madrileños, debido ás altas taxas de incidencia acumulada nese territorio e o alto número de contaxiados, que neste momento supera o 40% do total estatal.

Ao tempo, sorprende a súa facilidade para desprazarse e chegar á Galiza, malia a vixencia de varios feches perimetrais que impiden as persoas abandonar a súa comunidade de residencia. A lembranza do acontecido en marzo de 2021, cando a cidadanía de Madrid expandiu a pandemia polo conxunto do Estado coa conivencia do Executivo de Sánchez , que se negou a fechar o foco principal do virus, volve pairar sobre a poboación galega.