As turbeiras da Serra do Suído ameazadas por parques eólicos

Serra do Suído (Foto: Cedida)

Os proxectos dos parques eólicos de Puza e Coto Redondo ameazan a Serra do Suído coa construción de 20 aeroxeradores, afectando a catro concellos distintos. A Plataforma en Defensa do Sur da Dorsal Galega acaba de denunciar que estes poñen en perigo espazos como as turbeiras da zona.

O proxecto Puza, que afecta aos concellos de Avión e A Lama, planea instalar 12 aeroxeradores –de 136 metros de diámetro de rotor e unha altura estimada de 200 metros– cunha potencia de 4 megavatios cada un, aos que hai que sumar os oito aeroxeradores de características similares que proxecta o parque de Coto Redondo, que afecta aos concellos de Covelo e Fornelos de Montes. Ademais, cada aeroxerador levaría cadanseu centro de transformación, redes subterráneas de media tensión e, para cada proxecto, a súa correspondente subestación. 
De seguir adiante estes dous parques eólicos, prexudicarían gravemente espazos de grande importancia da Serra do Suído como son as súas matogueiras e turbeiras. Así o advirte a Plataforma en Defensa do Sur da Dorsal Galega, que onte denunciou os "problemas irreversíbeis que provocarían estas construcións". 

O Goberno galego decidiu incluír a Serra do Suído na ampliación da Rede Natura 2000 para 2011, ano no que “inexplicabelmente quedou conxelada dita ampliación, malia estar en fase de alegacións”, expón a asociación. 
“A Administración está seguindo a estratexia de non abrir nin declarar os espazos protexidos da Rede Natura 2000 no país en beneficio de grandes multinacionais estranxeiras, o que denota unha actitude de falta de amor pola terra e polo propio”, sinala en conversa con Nós Diario a voceira da plataforma, Eva Buch. 
Na súa denuncia, desde esta plataforma destacan os danos irreversíbeis que estes parques eólicos crearían nas turbeiras da zona que, “á súa vez, significaría danar os ríos e a propia subministración de auga das poboacións próximas”. “As pistas e gabias e a instalación do cableado, alén de afectar ao territorio, tamén repercutirían negativamente en labores de extinción de incendios, pois dificultarían o acceso de aeronaves”, apunta a plataforma.
Pero máis alá da negativa repercusión na paisaxe, nos valores arqueolóxicos, patrimoniais e sociais, a plataforma resalta que “os parques eólicos alterarían o ecosistema da Serra, xa que, por exemplo, os morcegos, que se alimentan de insectos, favorecen que os cultivos agrícolas da zona non se vexan tan afectados polas pragas, pois manteñen o equilibrio”, explican.
Por último, a organización apunta aos problemas de contaminación que os eólicos poden producir. “Os materiais de construción dos muíños de vento son altamente inflamábeis e contaminantes, xeran unha problemática de residuos ás que as empresas promotoras non ofrecen respostas”, sinalan.

Por iso cuestiónanse que pasará cos aeroxeradores cando xa non sexan operativos, “os seus materiais non se reciclan, senón que se enterran en grandes cemiterios altamente contaminantes unha vez rematada a súa vida útil”, conclúen.