Medio Ambiente

As turbeiras, as aliadas contra o cambio climático ameazadas polos eólicos

Turbeira na Serra do Xistral. (Foto: Luis Vilanova).
Hai uns humidais que absorben o dobre de carbono que todos os bosques do mundo. Son as turbeiras e no Xistral están en perigo de desaparición.

O cambio climático é xa unha realidade. As consecuencias están presentes en case todos os ámbitos das nosas vidas, as altas temperaturas, os incendios, a dispoñibilidade de auga doce son só algunhas das consecuencias naturais. Pero non só existen problemas para a natureza, xa que existen ameazas sociais, para as empresas e ameazas territoriais, onde algúns espazos están en perigo de desaparecer. O quecemento global aféctanos a todos e a todas, así como tamén é responsabilidade de todos e todas tratar de paliar os seus efectos nocivos.

Dado o carácter deste inimigo común, un dos tipos de solucións que máis forza colle é o das solucións baseadas na natureza. Estas solucións refírense ao conxunto de accións que aproveitan o poder da natureza para abordar os desafíos sociais máis urxentes. Ao falar destas solucións véñense exemplos como os Aneis Verdes, espazos que rodean os núcleos urbanos e están protexidos pola lexislación para a súa conservación, un dos mellores exemplos disto é Londres, mais na cidade de Santiago de Compostela están moi presentes. Os bosques e zonas verdes son moi boas alternativas xa que absorben unha cantidade enorme de emisións de CO2, pero, que diríamos se existira un tipo de humidal capaz de absorber o dobre de carbono que todos os bosques do mundo? Pois xa existe, e chámase turbeira.

Que son as turbeiras?

A turbeira é un tipo de humidal propio de rexións moi chuviosas, que se desenvolven en topografías planas ou zonas de suave pendente, sempre en condicións de escasa drenaxe superficial, sen conexión directa coa auga do subsolo. Polo xeral, atópanse en alturas superiores aos 600 m. Para saber máis, Nós Diario conversa con Xabier Pontevedra Pombal, doutor pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese turbeiras de montaña de Galicia. Para el, a definición máis completa de turbeira como humidal é:

“Que o chamemos humidal, como termo humidal socialmente xa esta bastante recoñecido xa lles dá un certo valor. Pero, en realidade, turbeira como tal é moito máis descoñecido. Cando falamos de humidais todos temos na cabeza unha marisma, un río, etc... pero non unha tubeira. Pero si é un humidal. En que se diferencia un humidal en termo amplo dunha turbeira? Unha turbeira é un humidal, por tanto a auga é o valor máis significativo que fai funcionar ese ecosistema, pero ten unha característica que non teñen o resto dos humidais, que é que teñen capacidade de acumular moita materia orgánica en forma dun substrato que se chama turba.

De aí vén o nome. E iso é o que a diferencia do resto dos humidais. Entón, unha turbeira é un humidal, polo tanto é un ecosistema aberto que intercambia como todos os ecosistemas fluxos de materia pero que ademais ten esa capacidade de acumular moita materia orgánica en forma de turbe. E ese quizais e o motivo esencial polo que na actualidade nos últimos 10/15 anos se lle está dando moito valor. Porque ese acumula materia orgánica está acumulando carbono, e se está acumulando carbono ese carbono non vai á atmosfera e polo tanto non estimula o quecemento climático, por iso neste momento está moi enfocado aí o interese”.

A maiores, as turbeiras actúan, segundo indica, como libros de historia natural, isto é posíbel porque “as turbeiras como se desenvolven, a turba que se forma nas turbeiras que dicíamos ao principio fórmase porque as comunidades vexetais que viven, nun momento determinado, pasa o seu tempo e morren, e sobre elas medra a seguinte xeración. Esta vexetación que morre, como morre nunhas condicións de moita auga no solo e pouco osíxeno, os microorganismo non a poden comer porque non teñen vitalidade. Entón vaise acumulando ao longo do tempo. Canto tempo? O tempo que teña a turbeira. E como teñen moita materia orgánica, e a materia orgánica é un compoñente do solo que é moi reactivo e ten moita capacidade de reaccionar co seu entorno, todo o que lle vai pasando á turbeira, esa materia orgánica vaino acumulando ordenadamente, e como ten moito carbono pódese datar con certa facilidade con carbono 14”.

Esta información non é simple curiosidade biolóxica, xa que pode resultar de grande axuda para combater o cambio climática porque “podemos facer utilizando as turbeiras unha análise da evolución do clima no pasado que é esencial. Porque a climatoloxía, o que nos está dando son os puntos de partida que nos permiten anclar os modelos actuais de clima. É dicir, todos estes modelos de evolución de clima para o futuro dependen de ter unha migada no pasado”.

Porén, o que para nós, como sociedade, máis chama a atención é que as turbeiras ocupando unicamente o 3% da superficie terrestre son capaces de absorber o dobre de carbono que todos os bosques do planeta.

Así é, as turbeiras almacenan cerca de 550 mil toneladas de carbono, é o dobre que todos os bosques do mundo. É por isto, que a ONU, na Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático, realizada en Marrocos no ano 2016, incentivou a creación da Iniciativa Mundial de Turbeiras, co fin de protexer, habilitar, ampliar e acelerar a conservación e restauración de xeito sostíbel das turbeiras.

O maior espazo de turbeiras do mundo atópase na República Democrática do Congo, onde o ecosistema das turbeiras cobre aproximadamente 129.000 km2. En Europa, as turbeiras de cobertor están presente unicamente en sete Estados: Austria, Francia, Irlanda, Portugal, Reino Unido, Suecia e España. No Estado español as turbeiras soamente preséntanse na rexión atlántica, cunha superficie estimada de 5.367 ha. Dentro deste marco, a área de maior extensión alcánzase no complexo de turbeiras na Galiza, na serra do Xistral, que abrangue as comarcas da Terra Chá e A Mariña, neste complexo os estudos cifran nunhas 1.040 ha a superficie real das turbeiras de cobertor, cerca do 20% do total da Península Ibérica.

Porén as turbeiras teñen luces e sombras. Se ben unha boa conservación destes ecosistemas axúdanos enormemente na nosa loita contra o cambio climático, unha mala conservación e o dano infundido nelas pode ter consecuencias desastrosas. Estímase que as emisións actuais de gases de efecto invernadoiro provocados polo drenaxe e queima das turbeiras representan ate un 5% de todas as emisións causadas pola actividade humana. Os incendios de turbeira no 2015 en Indonesia, causaron grandes danos a saúde, os medios de subsistencia e o medio ambiente, o cal axudou a concienciar sobre a importancia deste ecosistema, e os organismos mundiais recibiron unha boa lección. Lección que non parece aprenderse en todas partes do mesmo xeito.

Que problema teñen as Turbeiras no Xistral?

Na serra do Xistral atopamos coa maior extensión de turbeira de todo o suroeste de Europa. Isto, supón unha gran vantaxe para o pobo galego, no relativo á loita contra o cambio climático. Mais unha mala conservación, ou unha ameaza, podería resultar fatal para o futuro da comarca. E o certo é que si existe unha ameaza contra as turbeiras, esta ameza son os parques eólicos.

A serra do Xistral, a maiores de contar coas xa comentadas turbeiras, é un espazo recoñecido na Rede Natura 2000 dende o ano 2004. Pese ao seu interese ecolóxico, o Xistral é a zona onde se concentra a maioría dos parques eólicos da Galiza, contando con 28, que supoñen a presenza de 835 aeroxeradores.

Nos últimos anos medrou de xeito significativo a conciencia ambiental respecto a instalación de eólicos. A enerxía eólica, pese a ser unha enerxía renovábel e limpa, si que ten afeccións negativas no medio ambiente, principalmente mediante a instalación dos aeroxeradores. Os aeroxeradores, ademais de ter efectos medioambientais negativos tamén afectan negativamente as comunidades locais, tendo impactos como o visual, o acústico, ou o efecto shadow flicker, un efecto causado pola luz do sol co movemento das pas dos aeroxeradores.

Porén, foron as turbeiras as que peor saíron da denominada invasión eólica, nas últimas décadas diferentes estudos sinalan que diminuíu a súa capacidade de “secuestro” de carbono nunhas 700 toneladas anuais.

A instalación de parques eólicos na serra do Xistral

Especialmente desde a Conferencia das Nacións Unidas sobre Medio Ambiente e Desenvolvemento levada a cabo en Río de Janeiro en 1992, o desenvolvemento sustentábel vese vinculado coas enerxías renovábeis, o cal motivou unha transición cara a estas enerxías en substitución das contaminantes.

Galiza non foi allea a este cambio, e dada a súa xeografía partiu cunha gran vantaxe respecto a outros territorios no campo eólico. Desde os anos noventa incentivouse a creación de parques eólicos, especialmente na zona norte do país. Isto fai que a día de hoxe sexa a comunidade que máis kW produce por km².

O Xistral, foi desde os anos noventa o espazo máis atractivo para a implantación de parques eólicos, e aquí é onde xorde unha primeira problemática. O medio rural é o principal receptor destes parques eólicos, e a súa xestión pode realizarse por diferentes axentes. No caso galego, os axentes promotores son externos. A maiores, a instalación de aeroxeradores plantexa outra dicotomía, entre a conservación ambiental e a implantación de centrais de enerxía.

Desde a primeira norma respectiva a enerxía eólica do ano 1995 ate o ano 2008, o marco regulador posibilitou a instalación de parques eólicos en espazos propostos, ou xa incluídos, na Rede Natura. Isto cambiou cando no ano 2008 cando se prohibiu o desenvolvemento de novas instalacións eólicas nestes espazos, sen embargo, moitos destes espazos, como é o Xistral, xa contaban cun enorme número de eólicos, ademais que a normativa mantén aberta a posibilidade de repotenciamento das centrais eólicas en funcionamento co que as eólicas seguen agrandando o deterioro na Rede Natura. Os aeroxeradores teñen de media unha vida útil de vinte anos.

Neste período de tempo, entre o 1995 e o 2008, que supuxo un boom na enerxía eólica, houbo vinte nove propostas de implantar parques eólicos no Xistral, das cales só unha recibiu unha avaliación ambiental negativa. A permisividade da Administración obtivo resistencia especialmente por parte de grupos ecoloxistas, onde dos 28 parques, até 13 deles recibiron alegacións de distintos grupos. Entre os cales cabe destacar que para a primeira refacho de parques eólicos no ano 1999, unha das entidades que alegou contra a súa instalación foi o Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC. Estas alegacións xiraban maioritariamente sobre a incompatibilidade da implantación de aeroxeradores coas turbeiras.