Tui dedica unha rúa do seu concello aos Mártires de Sobredo

Acto do Concello de Tui de homenxae aos Mártires de Sobredo (Foto: Concello de Tui).
Esta terza feira á tarde tiña lugar o acto de descubrimento da placa no vieiro situado entre a rúa Casal Aboy e a Avenida da Concordia que pasa agora a denominarse rúa Mártires de Sobredo.

A lembranza dos Mártires de Sobredo fica desde esta terza feira presente no rueiro de Tui coa rúa que levará o seu nome.

Esta terza feira á tarde tiña lugar o acto de descubrimento da placa no vieiro situado entre a rúa Casal Aboy e a Avenida da Concordia que pasa agora a denominarse rúa Mártires de Sobredo.

Esta segunda feira precisamente facíanse 100 anos dos sucesos nos que perderon a vida Cándida, Joaquín e Venancio.  

Precisamente, na segunda feira os seus familiares eran os encargados de descubrir a placa da rúa acompañados polo alcalde, Enrique Cabaleiro, e pola presidenta do Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo, Marga Romero.

Dous alumnos do Conservatorio Profesional de Música de Tui, Severino e Manuel, interpretaron para abrir o acto a Muiñeira de Grelada, e como fechamento o Himno Galego.  

Rafael Sánchez Bargiela, que conduciu o acto, deu lectura ao acordo plenario da corporación  municipal de Tui do pasado de setembro aprobando por unanimidade a a denominación desta rúa.

"Débeda impagábel"

Na súa intervención o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, afirmou que "sempre teremos con eles unha débeda impagábel de gratitude" engadindo que "eu creo que a institución local, o concello de Tui, no ámbito das súas competencias, empeza a reparar esa memoria".

A presidenta do Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo agradeceu a corporación o acordo e as intervencións no pleno. Lembrou como en Tui tras os sucesos de Sobredo, hai cen anos, había un "silencio sepulcral", cunha poboación "chea de dor, trauma e abraio", dicía.

Na súa intervención, Romero engadiu que "o que podiamos é celebrar dalgunha maneira que os Mártires, e esa loita de unidade que eles representan, segue viva en nós, e agardamos que esa semente que ficou aí nos faga ser sempre más solidarios".