O TSXG rexeita suspender o vertido de augas residuais da mina de San Finx

A denuncia incorporaba analíticas "coas que se demostra a presenza no río de metais pesados procedentes das verteduras", afirman desde a Confraría. (Foto: Nós Diario)
A Fundación Monteescola solicitou a medida cautelarísima de paralizar o baleirado de residuos ao regato Rabaceiros.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) denegou á Fundación Montescola a adopción da medida cautelarísima de suspender a autorización de vertedura de augas residuais procedentes da mina de San Finx ao arroio de Rabaceiros, emitida por Augas da Galiza en febreiro de 2023.

Segundo informa o alto tribunal galego, a sección segunda da sala do contencioso-administrativo lembra que as medidas cautelarísimas adóptanse "sen oír á parte contraria", polo que é necesario apreciar "unha especial urxencia", algo que entende que non sucede neste caso.

Por iso, acordou a tramitación do incidente pola vía ordinaria "máis garantista, despois de que permite a intervención de todas as partes, facendo alegacións e achegando a proba que consideren precisa".

Non cabe recurso

A Fundación Monteescola solicitou a adopción da medida dentro do recurso interposto contra a resolución da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade, do 7 de marzo de 2023, na que desestimou a solicitude de suspensión da execución da autorización da vertedura.

"Temos que partir de que o obxecto de recurso non o é a resolución que autoriza a vertedura, senón a denegación pola Administración da solicitude de que se paralice a execución do mesmo", precisa a sala do TSXG.

Ademais, aclara que "esta denegación prodúcese en marzo, atopándonos en maio, polo que esa urxencia non se evidencia, e a propia parte recorrente vén confirmar a ausencia de urxencia, atendidos os requirimentos efectuados a fin de que achegase toda a documentación precisa e a que facía referencia no seu escrito inicial, ademais do resto dos orzamentos procesuais esixidos legalmente", explica o TSXG no auto, contra o que non cabe presentar recurso.