O TSXG recúa e anula a consulta ao tribunal europeo sobre os informes sectoriais dos eólicos

Polígono eólico na Serra do Suído (Foto: N. B.).
O alto tribunal galego expuña unha tripla cuestión prexudicial ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) para que determinase se a Xunta debera pór ao dispor do público interesado, e non só dos promotores, os informes sectoriais sobre os proxectos eólicos en trámite.

A sección terceira da Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) anulou a consulta prexudicial ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) por un defecto procesual.

Esta decisión figura nun auto con data de 9 de abril de 2024no que se apunta que se incorreu neste defecto por “non oír antes as partes implicadas”.

O pasado mes de marzo, o TSXG expuxo unha tripla cuestión prexudicial ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) para que determine se a Xunta da Galiza debeu pór ao dispor do público interesado (non só dos promotores) os informes sectoriais sobre polígonos eólicos para que puidese, no seu caso, formular alegacións e participar no proceso de toma de decisión sobre as autorizacións dos proxectos antes de que fosen aprobados. Eses informes sectoriais conteñen información sobre materia forestal, de augas, de patrimonio natural e cultural, de turismo, de saúde, de enerxía eléctrica e de seguridade aérea, entre outros.

Os maxistrados informaban de que esperarán á resolución europea para resolver sobre a legalidade da autorización da Xunta para construír do parque eólico A Ruña III, promovido por Eurus Renovables en Mazaricos (Xallas). O auto agora emitido dispón repor as actuacións ao estado inmediatamente anterior ao defecto que orixinou a nulidade, así como seguir o procedemento legalmente estabelecido.

A Xunta presentou un incidente de nulidade desta consulta prexudicial por non darse audiencia ás partes, cuestión agora recoñecida polo TSXG. Todo iso nun contexto no que esta Sala do TSXG leva suspendidos perto de 30 proxectos eólicos no que vai de ano. Tras a sentenza emitida polo Tribunal Supremo (TS) o pasado mes de decembro, o TSXG adaptou os criterios á hora de decidir sobre medidas cautelares respecto a polígonos eólicos, de modo que agora centra as súas paralizacións en cuestións ambientais.

E é que esa resolución do alto tribunal rexeitaba dúas das causas que o TSXG tivo en conta para decretar a anulación dalgunhas instalacións —ambas relacionadas co prazo do trámite de información pública no procedemento de avaliación de impacto ambiental seguido antes de ditarse a autorización dos proxectos e do acceso aos informes sectoriais polo público interesado nese trámite—.