O TSXG ratifica dúas sentenzas contra proxectos mineiros na Terra Chá

Reunión dos alcaldes de Abadín, A Pastoriza, Castro de Rei e Cospeito coa Comisión contra a Minaría da Terra Cha [Imaxe:SLG]

O SLG informa que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de confirmar dúas sentenzas contrarias aos proxectos de extracción de seixo na Terra Chá por parte de Erimsa.

 

O Sindicato Labrego Galego afirma que as pretensións de Erimsa con estes litixios fronte ao Concello de Cospeito buscaban a “reactivación dun procedemento iniciado en 2008 e, polo tanto, caducado, para obter autorización para a súa actividade en territorio cospeitense”.

Porén, sinala o SLG, “esta empresa con capital chinés e domicilio en Noruega, non subsanara deficiencias como a falta de informes sectoriais favorábeis por parte de diversos departamentos da Xunta”.

Entre outros argumentos, continúa esta organización, as sentenzas din que é incuestionábel que o expediente de autorización autonómica previa rematou nunha resolución firme desestimatoria.

“Estas sentenzas contrarias súmanse ás ditadas no ano 2016, onde se lle denegaba a licenza municipal para as concesións Alicia e Karles, en Castro de Rei e Cospeito, previa denegación da autorización autonómica”.

Nestes anos, desde a Comision contra as Minas na Terra Chá, solicitaron reiteradamente á Xunta a declaración de caducidade das concesións mineiras. “Porén, a día de hoxe seguen en vigor dun xeito totalmente irregular”.