O TSXG prorroga quince días máis a autorización para pedir o certificado Covid en hospitais e residencias

Varios carteis indican a obriga de presentar o certificado Covid para acceder ao interior do local (Foto: Arxina).
Os maxistrados consideran necesario, dada a situación epidemiolóxica actual, exixir algún dos tres certificados Covid.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) autorizou novamente a Xunta a prorrogar até o vindeiro 7 de maio a obriga de presentar o certificado Covid de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para acceder a centros hospitalarios e sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con diversidade funcional.

Para autorizar a medida, que ten como propósito "defender a saúde pública malograda pola pandemia", o tribunal afirma nun comunicado que tivo en conta os informes técnicos presentados polo Goberno galego.

Os maxistrados consideran necesario, dada a situación epidemiolóxica actual, exixir algún dos tres certificados Covid, "tanto para evitar a transmisión do virus como para contribuír a que a poboación máis resistente a vacinarse o faga".

Ademais, subliñan que a medida é "necesaria, idónea e proporcionada" en relación "cos sacrificios" que se exixen para procurar a defensa da saúde pública.

No auto puntualízase que a autorización xudicial supón a prórroga de dous precedentes, xa autorizados por esta sala en sete ocasiones até distintas datas, "en todos os casos en razón á situación epidemiolóxica e ás propostas técnicas, que neste caso volve elevar a Subdirección Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía no seu informe do 19 de abril, ao que se acompaña outro do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias que ofrece datos consolidados ás 10 horas do día 12 de abril".

Uso de máscara

No auto, o TSXG resalta que tamén se mantén a obrigatoriedade do uso de máscara nos centros, servizos e estabelecementos sanitarios, sociosanitarios e nas residencias de maiores, "ao ser os ámbitos onde pode haber unha maior concentración de persoas vulnerábeis, nas que o risco de enfermidade grave é maior, e onde a probabilidade de transmisión é máis alta".

Segundo puntualiza o TSXG, contra a resolución cabe presentar recurso de  casación ante o Tribunal Supremo.