Desde este sábado, o certificado Covid deixará de ser obrigatorio na hostalaría galega, e o seu uso quedará limitado ás visitas en hospitais e residencias.
Así o anunciou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, despois de "reunirse con hostaleiros" para comunicarlles as decisións adoptadas polo comité clínico na reunión desta terza feira.
Asemade, a Xunta amplía de oito a dez persoas por mesa os comensais en interior, mentres que nas terrazas exteriores o número máximo de comensais por mesa aumentará das 15 ás 20 persoas.
A Consellaría de Sanidade márcase un praxo de 15 días para revisar as restricións vixentes na hostalaría. Polo de agora, a Xunta segue insistir na ventilación dos locais, así como na importancia de que os clientes empreguen a máscara cando se atopen no interior dos mesmos e non estean a consumir.
O Goberno galego remitiu ao Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) a petición para que avale as medidas que seguirán en vigor, isto é, a obrigatoriedade do certificado Covid para as visitas a hospitais e residencias, así como a limitación do número de comensais por mesa na hostalaría.
Postura do sector hostaleiro
O voceiro de Hostalaria.gal Sergio Século asegurou a Nós Diario que eles non foron convocados nin chamados pola Consellaría de Sanidade para trasladar este novo cambio das medidas, "como xa vén sendo habitual".
Século di que o sector celebra a retirada da obrigatoriedade do certificado Covid na hostalaría, pero afirma non entender porque a Xunta segue a retirar as medidas "aos poucos", e non quita todas as restricións "xa", dada a situación epidemiolóxica actual na Galiza.
"Con esta estratexia só están a facer sufrir aos traballadores e empresarios do sector", asegurou o voceiro, "porque aínda que quiten esta restrición, seguen mantendo outras, e non estamos para esperar moito máis a que decidan quitalas todas".