O TSXG prorroga até o 9 de abril a autorización para exixir o certificado Covid en hospitais e residencias

O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo nunha imaxe de arquivo (Foto: Sergas).
O organismo sinala que o feito de que o certificado Covid "non elimine por completo a posibilidade de novos contaxios", non invalida "a idoneidade dunha medida que permita reducir o risco".

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) autorizou este sexta á Xunta prorrogar até o vindeiro 9 de abril a obriga de presentar o certificado de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa do Covid para visitar a un paciente ingresado nos hospitais e centros sociosanitarios residenciais para persoas maiores e persoas con diversidade funcional.

Así o informou o TSXG nun comunicado, no que indica que a Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo destaca no auto que esta medida permite "o mantemento destas actividades en situacións nas que se produce un aumento do risco de contaxio, debido ás características de especial vulnerabilidade que concorren”.

Ademais, sinala que o feito de que o certificado Covid "non elimine por completo a posibilidade de novos contaxios", non invalida "a idoneidade dunha medida que permita reducir o risco".

Por iso, o alto tribunal galego subliña que o seu obxectivo é reducir "a posibilidade de que unha persoa infectada entre en contacto con persoas non infectadas e desprotexidas e que poidan transmitirlles a infección".

Ademais, asegura que vai acompañado “dun esforzo da administración sanitaria no ámbito da vacinación, na expedición de certificados e no incremento das probas para a detección do virus, destacando que todos aqueles que quixeron vacinarse puideron facelo".

O Certificado Covid, activo mentres sexa "imprescindíbel"

Na resolución, os maxistrados sinalan que o informe médico achegado pola Xunta xustifica a obriga de presentar o certificado de Covid en determinados espazos.

Ademais, os maxistrados indican que a medida "manterase durante o tempo imprescindíbel para mellorar a situación epidemiolóxica da Galiza, que se revisa diariamente e se somete semanalmente á consideración do comité clínico, segundo as evidencias científicas que poidan xurdir". A autorización vixente abrangue até as 23.59 horas do día 9 de abril, ao comezo da Semana Santa.