Xustiza

O TSXG tomba o parque eólico Bustelo, de Greenalia, após notificarlle por erro que o recurso de Adega fora desestimado

Parque eólico Ourol, operado por Greenalia no concello homónimo. (Foto: Greenalia)
É o segundo que ve anulada a licenza outorgada pola Xunta após Campelo, e a eles sumarase, previsibelmente, Monte Toural, hoxe paralizado de forma cautelar á espera de sentenza. Os tres formarían un único 'macroproxecto' entre Carballo, Coristanco e Santa Comba.

Malia que nun primeiro momento Greenalia recibiu unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza afirmando que acordaba "desestimar" o recurso interposto por Adega contra o parque eólico Bustelo, un dos tres que conforman o 'macroproxecto' de Carballo, Coristanco e Santa Comba, o mesmo tribunal vén de aclarar agora que esa conclusión é un "erro material" e que os maxistrados o que querían dicir, en verdade, é xustamente o contrario: o recurso foi estimado e a autorización concedida pola Xunta para construír estas infraestruturas, anulada. É o segundo parque tombado após Campelo e, á vista dos acontecementos, previsibelmente seguirá os seus pasos Monte Toural, actualmente paralizado de forma cautelar.

O TSXG salienta que o termo "desestimar" contradicía toda a argumentación exposta na sentenza, que non varía, polo que as licenzas quedan anuladas. Esta significativa mudanza no texto supón un duro e inesperado golpe para Greenalia, que esta mesma segunda feira afirmaba que viña de reactivar o desenvolvemento deste parque eólico no que xa investira 7 dos 35 millóns de euros comprometidos e para o cal asinara xa os contratos de subministración dos materiais, aeroxeradores incluídos.

Na sentenza, asinada o pasado 2 de xuño e á que tivo acceso Nós Diario, os maxistrados consideran probado que estes tres proxectos eólicos, aprobados por separado polo Goberno galego, incorreron nunha "indebida fragmentación" dun único parque. A argumentación vai na liña do exposto no auto que tombou Campelo: os letrados das partes codemandadas "recoñeceron abertamente que se produciu a fragmentación da avaliación ambiental de proxectos de tres parques eólicos que, en realidade, non eran autónomos, senón integrados e dependentes entre si, ao compartir estruturas e conexións, a pesar de que as solicitudes se formularon en datas distantes entre si". A avaliación ambiental ordinaria, pois, debeu ser "única", salientan.

Tamén aceptan outra das cuestións esgrimidas por Adega no seu recurso e lembran que o artigo 36.1 da Lei de avaliación ambiental dispón que os informes sectoriais deben obterse antes do trámite de información pública. "Así pois, tanto a lei estatal como a directiva citada contiñan un mandato claro en orde a conseguir os informes sectoriais antes de someter o proxecto e o estudo ambiental ao trámite de información conxunto —cada un polo seu prazo—", precisa a Sala. Cando o proxecto Bustelo se someteu ao último trámite de información pública, cun prazo de 15 días, aínda non se recibiran todos os informes sectoriais, constata a sentenza.

En consecuencia, as persoas e entidades que xa alegaran ou quen aínda non o fixeran no prazo outorgado "non puideron exercer de forma plena o seu dereito para participar de forma efectiva e con pleno coñecemento de todas as opcións que se presentaban", nun trámite "que necesariamente tiña que realizarse antes de adoptar a decisión definitiva sobre o proxecto que se promovía", conclúe.

Agora falta por coñecerse o veredicto final en relación co terceiro proxecto eólico en cuestión, Monte Toural, polo de agora en suspenso. Sobre a situación destes tres parques e a súa posíbel vulneración da lexislación vixente xa informara Nós Diario hai case dous anos, en agosto de 2021, cando a Xunta autorizou a construción do primeiro deles, o que hoxe mesmo sabemos que se autorizou sen ser conforme a dereito: Bustelo.