O TSXG obriga a Xunta a admitir a trámite un parque eólico na Laracha

O parque eólico Pedrouzos está promovido por Norvento. (Foto: Y. C.)
Os maxistrados entenden que na tramitación inicial do expediente por parte da Xunta non quedou acreditado que este proxecto se solapase con outros, tal e como alegara a Administración galega.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de obrigar o Goberno galego a admitir a trámite a solicitude de autorización dun parque eólico na localidade da Laracha, ao considerar "non acreditado" que se solapase con outras instalacións semellantes, tal e como alegaba a Administración.

Así, na súa sentenza, a sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo recoñeceu o dereito da empresa Norvento a que a Xunta da Galiza admita a trámite a súa solicitude de autorización administrativa previa do parque eólico Pedrouzos. Todo iso logo de que a Consellaría de Economía, Emprego e Industria alegase para inadmitir a petición, en abril de 2020, a existencia de solapamento entre a proposta de Norvento e a doutros proxectos eólicos que constaban como construídos ou en trámite.

Con todo, o tribunal entende que a tramitación do expediente por parte da Administración galega foi "incorrecta", subliñando que "nin o Rexistro Eólico da Galiza (REG), por si só, nin a Consellaría foron, nin son, capaces de acreditar a condición de solapamento entre as solicitudes da demandante e as doutros parques eólicos en tramitación".

Así, os xuíces inciden en que a Xunta non probou a concorrencia do solapamento, nin en relación co parque eólico Xalo nin co de Coto Loureiro, tramitado perante o Ministerio para a Transición Ecolóxica. Os maxistrados aseguran que no expediente "non se deu xustificación documental nin técnica de ningún tipo dos feitos en que a Administración baseaba a súa conclusión de solapamento".

En cando á documental, o TSXG destaca que a Xunta non xustificou "a preexistencia dos procedementos de solicitude de autorización previa doutros parques eólicos". Sobre a técnica, explica que "non é suficiente con expresar que unha solicitude cursada con anterioridade determina o solapamiento, senón que fai falta que a Administración acredite que o espazo xeográfico que ocupa o parque eólico para o cal se pide solicitude previa se solape no sentido previsto" na lei.

"Non resulta motivada"

Para o tribunal "non resulta motivada" a resolución da Xunta, pois se basea na publicidade que ofrece o Rexistro Eólico da Galiza, un documento que "non pode ser utilizado como un verdadeiro rexistro que dispense publicidade fronte a todos". Aliás, engade que tampouco pode servir para xustificar "a existencia de solicitudes previas de autorización de parques eólicos, ao carecer dos elementos necesarios para identificar os titulares, os procedementos administrativos de referencia ou a data e hora de solicitude".

O TSXG lembra que os parques eólicos tramitados polo Ministerio non están obrigados a estar inscritos no REG, polo que descarta a súa fiabilidade como ferramenta electrónica de acceso e consulta pública e de información de apoio para a xestión de solapamentos de parques eólicos.

"Ten que ser a administración, a partir dos datos de que dispoña, veñan do REG ou doutro sitio, quen declare a existencia do solapamento. A declaración será un siloxismo que realice a administración onde funcionen como premisas a concorrencia xeográfica de proxectos e a constatación do momento da solicitude, dando preferencia ao anterior no tempo", conclúe a Sala na súa sentenza, contra a cal cabe presentar recurso de casación.