Xustiza

O TSXG resolve a favor dunha louseira do grupo Irosa en Valdeorras, pero a expropiación do monte común segue anulada

Canteira de lousa en Valdeorras. (Foto: Nós Diario).
Esta nova sentenza do alto tribunal galego carecerá de valor desde o momento en que sexa firme un auto previo, emitido en novembro de 2023, que anulou o proceso de expropiación do monte comunal en beneficio de Irosa.

A sección terceira do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de desestimar o recurso da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Portela e Trigal, en Carballeda de Valdeorras, e confirmou a legalidade da primacía dos estabelecementos do grupo Irosa, entre eles o de Lousas Samaca, sobre o aproveitamento forestal do terreo sobre o que están instalados.

Con todo, esta nova sentenza do alto tribunal galego carecerá de valor desde o momento en que sexa firme un auto previo, emitido en novembro de 2023, que anulou o proceso de expropiación do monte comunal en beneficio de Irosa. Neste contexto, cabe lembrar que a louseira e a comunidade de montes chegaron a un acordo ante notario que deixaba sen efecto o desafiuzamento da compañía e permitía manter os postos de traballo.

En concreto, o que fixo o TSXG na nova sentenza, emitida o 12 de xaneiro de 2024, é confirmar "conforme a dereito" un acordo do Consello da Xunta do 19 de maio de 2022, que declaraba a necesidade de ocupación e a primacía sobre o aproveitamento forestal das instalacións do grupo Irosa.

Con todo, o mesmo tribunal lembra que o 22 de novembro de 2023 emitiu un veredito que anulaba outro acordo, nesta ocasión do 21 de outubro de 2021, polo cal a Xunta declaraba a utilidade pública e o interese social dos estabelecementos que a empresa ocupaba por arrendamento.

Por tanto, por moito que agora desestímese o recurso da comunidade de montes e que se declare a legalidade da decisión de maio de 2022, xa non existe a 'causa expropiandi' porque as actuacións administrativas posteriores ao acordo de outubro de 2021 sobre a expropiación, que foi anulado, "carecen de virtualidade".

Iso non impide lembrar, tal e como advirten os maxistrados do TSXG, que cando sexa procesalmente firme a sentenza que anula a expropiación "quedará sen cobertura xurídica o procedemento expropiatorio iniciado co acordo do 19 de maio de 2022".