Xustiza

O TSXG exime a Xunta de indemnizar un hospital privado con 1,4 millóns polos "prexuízos" das medidas contra a Covid-19

Hospital Quirón de Lugo. (Foto: Quirón Salud)
"Correspondíalle á dirección deses centros abertos decidir en que supostos e baixo que circunstancias procederían a suspender a prestación", sostén a Sala.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de denegar ao Sanatorio Nosa Señora dos Ollos Grandes, titular do Hospital Quirón de Lugo, a indemnización de 1.406.379 euros que exixía ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) polo prexuízo económico que, segundo este centro sanitario privado, sufriu por mor das medidas impostas para facer fronte á pandemia da Covid-19, entre o 15 de marzo e o 21 de xuño de 2020.

Desta maneira, a sección terceira da Sala rexeitou o recurso interposto pola empresa e confirmou a sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Santiago de Compostela. Segundo informa o alto tribunal galego, os maxistrados subliñan que, neste caso, a lesión patrimonial "non derivou dun comportamento antixurídico imputábel á Administración, senón dunha actuación causal, xustificada e lexítima".

Na resolución, explican que a situación de emerxencia sanitaria na Galiza obrigou a adoptar unhas medidas transitorias, como as recollidas na Instrución 6/2020, que aprobou o Sergas o 15 de marzo de 2020, as cales supuxeron "a suspensión de determinadas actividades asistenciais e a implementación doutras medidas, o que afectaba tanto os centros propios como aos concertados".

Esas medidas transitorias, precisa a Sala, estaban dirixidas "a protexer ao persoal dos seus centros de atención primaria e hospitalaria, así como ao dos concertados, e aos usuarios; en concreto, e no que se refire aos centros hospitalarios, esa instrución facultoulles para que puidesen suspender ou aprazar determinadas actividades cirúrxicas xa programadas, así como consultas non urxentes e os programas de cribado, á vez que potenciaba a consulta telefónica e a atención domiciliaria dos pacientes".

O que se discute, segundo os maxistrados, non é o carácter transitorio das medidas, senón se eran imperativas ou potestativas para os centros concertados. "Pois ben, contrariamente ao que sostivo a titular dese hospital, en ningún momento ordenou a referida instrución que se puxese ao dispor —total ou parcial— do Sergas, como tampouco ordenou que paralizase a súa actividade asistencial para priorizar outras", recalcan os xuíces.

Aliás, explica o TSXG no auto que, pola contra, "o seu contido era claro cando referiu que as actividades aí descritas poderían ser suspendidas, de modo que, a falta doutras indicacións, que non se fixeron, correspondíalle á dirección deses centros abertos decidir en que supostos e baixo que circunstancias procederían a suspender a prestación".

O alto tribunal galego incide en que o concerto que vinculaba desde o 16 de setembro de 2019 a sociedade mercantil Sanatorio Nosa Señora dos Ollos Grandes co Sergas "non se viu alterado, nin modificado, polo estado de alarma, nin tampouco pola Instrución 6/2020 que ditou o xerente dese organismo sanitario". Contra a sentenza cabe presentar recurso de casación perante o Tribunal Supremo.