O TSXG dá luz verde ao certificado Covid en restaurantes e nos bares e cafetarías

Un local de hostalaría coas normas Covid á vista da clientela (Foto: César Arxina / Europa Press)

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou esta sexta feira a Xunta esixir a exhibición do certificado Covid-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa ás persoas maiores de 12 anos para acceder ao interior dos restaurantes, durante todo o día, e, a partir das 21 horas, para o ingreso en cafetarías e bares.

A Sala entende que a restrición, cuxo permiso para implementala foi solicitado na quinta feira pola Administración galega, cumpre co requisito de temporalidade esixido polo Tribunal Supremo, pois terá efecto desde as 00 horas do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial da Galiza (DOG) e até as 00 horas do 18 de decembro.

Ademais, destaca nun comunicado de prensa que non só cumpre a función de "evitar contaxios, senón tamén minimizar os riscos", pois lembra que é "unha evidencia científica" que a transmisión da Covid-19 entre os vacinados é "moito menor á dos non vacinados".

A implementación da medida non supón "un sacrificio desproporcionado", di o TSXG

O TSXG asegura que a implementación da medida non supón "un sacrificio desproporcionado", pois a exhibición do certificado requírese "para o desenvolvemento dunhas actividades de lecer onde a entrada ou o acceso ao establecemento é voluntaria".

O alto tribunal galego tamén advirte no auto que a situación epidemiolóxica está "a empeorar", polo que "as actividades que presentan un risco comparativamente máis alto de transmisión, como é a hostalería, precisan continuar con medidas específicas de control, tendo en conta que o virus segue circulando e causando novos casos, ingresos hospitalarios en unidades de agudos e en unidades de críticos e mortes".

A exhibición do certificado Covid -documento coa pauta completa de vacinación ou de ter pasado a enfermidade nos últimos seis meses ou proba diagnóstica negativa- nos casos citados partiu da reunión que mantiveron na segunda feira representantes do sector e da Xunta da Galiza.

A norma, pendente do DOG

O Goberno galego estimaba que o TSXG se pronunciase a próxima semana e non tan só un día despois de formular oficialmente a petición. A Xunta da Galiza tería que publicar a medida no DOG para que surtise efecto a partir do día seguinte da súa publicación. Fontes da Consellaría de Sanidade informan de que teñen previsto publicar esta sexta feira un DOG bis para que o certificado entrte en vigor esta fin de semana.

De momento, a partir das 00 horas do sábado surtirían efecto as medidas xa publicadas no DOG, relativas á redución de grupos nunha mesma mesa no interior dos locais hostaleiros -de 10 a 8- e no exterior -de 20 a 15-. Esta diminución tamén afecta aos cócteles de pé.