Estas son as normas Covid-19 que entran en vigor na Galiza e en Portugal

Certificado Covid (Foto: Úrsula Prego).

A incidencia da Covid-19 continúa acelerándose na Galiza e os surtos aumentan cada día. Para pórlle freo, o Goberno galego e representantes da hostalaría acordaron na segunda feira adoptar unha serie de novas medidas, entre elas, a implantación do certificado Covid e a redución de persoas que poden compartir mesa.

Desde as 00 horas deste sábado entran en vigor as novas medidas coas que a Xunta da Galiza fai fronte á Covid-19. Serán de aplicación na hostalaría e nacen froito da reunión entre o Goberno galego e representantes do sector.

Desta maneira, a partir do sábado, reducirase o número de persoas que poden compartir mesa nos locais de hostalaría. Así, pasan de dez a oito o número de comensais por grupo no interior. No exterior pode haber mesas de até 15 persoas.

A respecto dos cócteles de Nadal, aínda que sexan de pé, a limitación de grupos mantense: até oito en interior por mesa e até 15 nas terrazas.

Porén, a capacidade máxima de ocupación segue a ser a mesma -nun xantar de Nadal poderá participar o mesmo número de persoas, mais as mesas terán que ser ocupadas por un máximo de oito persoas en interiores e por un máximo de 15 nas terrazas-. Tamén se manteñen os horarios.

Certificado Covid

Na reunión, Xunta e representantes do sector acordaron implantar o certificado Covid -documento coa pauta completa de vacinación ou de ter pasado a enfermidade nos últimos seis meses ou proba diagnóstica negativa- en todos os restaurantes ao longo do seu horario de apertura e nos bares e cafetarías a partir das 21 horas.

Para o uso do certificado Covid hai que esperar o ditame do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, ao contrario da redución de grupos -que entra en vigor ás 00 horas do sábado-.

O certificado Covid xa é obrigatorio na Galiza para visitar e acompañar doentes nos hospitais.

Visitas Portugal?

Tamén Portugal estrea medidas. Así, o Executivo de Antonio Costa decreta desde o 1 de decembro o estado de calamidade -un chanzo por baixo da emerxencia- para poder adoptar limitacións máis restritivas.

O Goberno portugués aprobou onte un paquete de restricións para atallar a vaga da Covid-19, de maneira que recupera o certificado Covid ou os test negativos para acceder a estabelecementos hoteleiros, a aloxamentos turísticos, a eventos con asento marcado e a ximnasios.

Ademais para visitar residencias e hospitais, acceder a grandes eventos ou a recintos deportivos, discotecas e bares pedirase un test negativo, tamén ás persoas vacinadas. O mesmo acontecerá coas entradas ao país por vía aérea: xa non será suficiente co certificado de vacinación e esixirase, tamén, un test negativo.

O Goberno endurecerá as sancións ás aeroliñas que deixen embarcar a persoas que non cumpran con estas normas, que chegarán a 20.000 euros por pasaxeiro ou mesmo a suspensión das licenzas de voo nalgúns casos.

Nos aeroportos haberá unha zona designada para dirixir os pasaxeiros que cheguen sen test e serán as aeroliñas as que se fagan cargo dos custos de alimentación e aloxamento se dan positivo e teñen que quedar confinados.

Ademais, o teletraballo pasará a ser recomendado sempre que sexa posíbel e as máscaras obrigatorias en todos os espazos fechados.

Tras o Nadal, o Executivo luso tamén preparou unha "semana de contención de contaxios" para evitar que as reunións familiares provoquen unha escalada na propagación do virus, como xa ocorreu o ano anterior. Por iso, entre o 2 e o 9 de xaneiro será obrigatorio teletraballar e fecharán as discotecas. O inicio do trimestre escolar, que estaba previsto para o día 3, atrásase até o 10.

Portugal notificou na quinta feira, por segundo día consecutivo, máis de 3.000 contaxios, que están en máximos de catro meses, e a incidencia a 14 días sitúase en 251 casos por 100.000 habitantes.