Xustiza

47 anos de prisión para un home que converteu "nun auténtico horror" a vida da súa parella

O condenado causoulle todo tipo de malos tratos físicos e psicolóxicos constatados agora pola Xustiza.
O TSXG ratifica os malos tratos habituais, físicos e psicolóxicos, que o condenado inflixiu á vítima, a quen "desprezaba pola súa condición de muller e consideraba da súa propiedade". "Chegou a quitarlle á moza a súa tarxeta sanitaria e impediulle recibir atención sanitaria, de maneira que, cando sufría lesións polas súas agresións, tiña que curarse ela mesma con auga, sal e vinagre. Obrigábaa a durmir no chan coa cadela e, con frecuencia, a permanecer de xeonllos no chan durante varias horas", relata a sentenza.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de confirmar a condena de 47 anos de cárcere imposta pola Audiencia Provincial de Pontevedra a un home por converter nun "auténtico horror" a vida da súa parella, con agresións e ameazas habituais. O tribunal rexeitou o recurso do procesado e considerou probados os delitos de malos tratos habituais físicos e psíquicos no ámbito da violencia machista, contra a integridade moral, coaccións graves, lesións con deformidade, agresión sexual, lesións e de lesións contra a muller. A maiores da pena de prisión, o alto tribunal galego ratificou que debe abonarlle á vítima unha indemnización de 150.000 euros polas lesións, secuelas e o prexuízo moral causado.

De igual forma que previamente a sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra, o alto tribunal considerou probado que o condenado, que mantivo unha relación de parella coa vítima desde febreiro do 2017 até o mesmo mes de 2020, cando a moza logrou abandonar a vivenda que compartían, mantivo "un comportamento cotián controlador, posesivo e violento, tanto físico como psíquico, contra a súa parella", que se intensificou de maneira progresiva.

A Sala do Civil e Penal do TSXG "comparte plenamente a convicción" sobre a realidade e entidade dos feitos, graficamente descritos pola médico forense que interveu na instrución e no xuízo oral, "como os máis graves que tivo ocasión de coñecer na súa experiencia profesional en relación coa violencia contra a muller". A resolución salienta que a Audiencia "foi escrupulosa" ao absolver o acusado daqueles tipos penais nos que "adoecía de proba insuficiente".

A sentenza de primeira instancia, ratificada agora polo Tribunal Superior, destaca que o home dirixía insultos e expresións para menosprezar e humillar a vítima; amedrentábaa con ameazas; golpeábaa habitualmente, dándolle labazadas na cara e patadas, puñadas e golpes por todo o corpo, chegando en ocasións a moza para perder o coñecemento. Aliás, "retorcíalle os dedos das mans e os pulsos, e dobráballe os brazos, tiráballe dos cabelos, apertáballe o pescozo e dáballe lategazos con varas e cables", convertendo a vida da moza "nun auténtico horror, xa que estaba sometida á vontade do acusado".

O home "actuou en todo momento con absoluto desprezo á condición de muller da vítima, a quen consideraba da súa absoluta propiedade", e o seu comportamento agresivo e violento, sostido no tempo, provocou na moza "un gran padecemento físico e psíquico e un temor e medo constante na súa relación de parella".

Ademais, considerou probado que nun período de, no mínimo, os sete últimos meses de relación, o condenado controlaba a súa parella impedíndolle o contacto coa súa familia ou achegados. "Retíñalle o móbil ou só llo deixaba usar na súa presenza; mesmo chegou a quitarlle á moza a súa tarxeta sanitaria e impediulle recibir atención sanitaria, de maneira que, cando sufría lesións polas súas agresións, tiña que curarse ela mesma con auga, sal e vinagre", apuntou a sala.

E, "con ánimo de degradar e humillar a súa parella", de forma frecuente e sen que poidan concretarse as datas, segundo os maxistrados, o condenado prohibíalle durmir na cama e obrigábaa a durmir no chan coa cadela e, con frecuencia, "a permanecer de xeonllos no chan durante varias horas".

Na sentenza, as xuízas relatan que tamén lle causou fracturas en costelas, húmeros e fémures, "sen que puidese determinarse o número de agresións diferenciadas que as causaron, ao non constar asistencias médicas individualizadas". Contra este veredicto do TSXG cabe presentar recurso de casación diante do Tribunal Supremo.