O TSXG autoriza a prórroga do certificado Covid en hospitais e residencias até marzo

Imaxe dun certificado Covid. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Seguirá en vigor até o 12 de marzo.

 O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de autorizar á Xunta a prorroga até o 12 de marzo da obriga de presentar o certificado Covid en hospitais e residencias de maiores.

Segundo sinala o tribunal, os datos achegados pola Consellaría de Sanidade demostran que “o virus continúa tendo unha elevada circulación”, o que implica “un evidente risco de contaxio”.

A Sala afirma no escrito que “non pode levar a engano a tendencia decrecente da taxa de incidencia do virus desde o 19 de febreiro”.

Para aquelas persoas non vacinadas que queiran acceder a residencias e hospitais, o TSXG lembra que teñen alternativas para acceder a estes espazos: presentar un certificado de proba diagnóstica negativa ou de pasar a enfermidade. Ademais, nos hospitais lévanse a cabo probas diagnósticas de xeito voluntario.

Retirada de restricións

Desde este sábado, o certificado Covid deixará de ser obrigatorio na hostalaría galega, e o seu uso quedará limitado ás visitas en hospitais e residencias.

Así o anunciou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, despois de "reunirse con hostaleiros" para comunicarlles as decisións adoptadas polo comité clínico na reunión desta terza feira.

Asemade, a Xunta amplía de oito a dez persoas por mesa os comensais en interior, mentres que nas terrazas exteriores o número máximo de comensais por mesa aumentará das 15 ás 20 persoas.

A Consellaría de Sanidade márcase un praxo de 15 días para revisar as restricións vixentes na hostalaría. Polo de agora, a Xunta segue insistir na ventilación dos locais, así como na importancia de que os clientes empreguen a máscara cando se atopen no interior dos mesmos e non estean a consumir.

O Goberno galego remitiu ao Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) a petición para que avale as medidas que seguirán en vigor, isto é, a obrigatoriedade do certificado Covid para as visitas a hospitais e residencias, así como a limitación do número de comensais por mesa na hostalaría.