O TSXG avala o toque de recoller nos concellos perimetrados na Galiza e os límites en reunións

Varias persoas comparten mesa nunha terraza da Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press).
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) avalou as restricións propostas pola Xunta ao considerar que son "proporcionadas". En calquera caso, o alto tribunal advirte ao Goberno galego que non forneceu datos suficientes como para ter un xuízo completo da situación. Así, pide que no futuro as consideracións vaian acompañadas de estudos, estatísticas e outros documentos que as amparen.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) avalou as medidas propostas pola Xunta para a xestión da pandemia após finalizar o pasado domingo o estado de alarma. Así, ratifica o peche perimetral e o toque de recoller entre as 23 e as 6 horas nos concellos galegos en risco extremo (máis de 500 casos por cada 100.000 habitantes) e as restricións nas reunións, tanto para este grupo de municipios como en toda Galiza entre a 1 e as 6 da madrugada.

Ademais as reunións de non convivientes están limitadas a seis en exteriores e a catro en interiores, incluídos os domicilios privados, no conxunto de municipios galegos. No caso dos que teñen restricións máximas, non pode haber encontros de persoas que non convivan.

No auto, notificado  esta cuarta feira, explican que a ratificación da prohibición de encontros durante a madrugada xustifícase pola existencia “dunha situación real de risco de contaxio”.

Así, indican que, normalmente, nesa franxa horaria as reunións de persoas “desenvólvense no ámbito das relacións sociais, nas que é frecuente a relaxación das medidas de distanciamento social, uso de máscaras, etc.”. Os xuíces tamén entenden que a limitación de agrupacións entre non conviventes durante a unha e as seis da mañá “non ten un impacto significativo no dereito de reunión”.

Respecto ás medidas adoptadas nos cinco municipios con maior incidencia, o TSXG asegura que non teñen “un impacto limitativo de dereitos fundamentais que poida considerarse desproporcionado e que esixa escoller entre outras alternativas menos gravosas”.

Así, explica que co pechamento perimetral “trátase de manter un control sobre a poboación dos municipios afectados, evitando que cos seus desprazamentos a outras localidades as persoas que poidan estar infectadas asintomáticas transmitan o virus, da mesma maneira que se trata de evitar o contaxio a persoas que poidan acceder ás ditas localidades”.

Advertencia á Xunta

Malia dar o visto e prace ás medidas, o TSXG advertiu ao Goberno galego da "escaseza de datos" que forneceu para axudar á maxistratura a tomar decisións. Neste sentido, comentou de cara ao futuro que a procura "do fundamento e xustificación" das medidas restritivas non poden "atender exclusivamente" ao que defenda a Xunta.

"Debe sustentarse en datos facilitados por comités clínicos, con coñecementos e experiencia científica en materia de saúde e, en particular, epidemiolóxica", indicou. Así, demandou que no futuro envíen "todos os datos concretos e obxectivos sobre a pandemia, con indicación e identificación das fontes de información das que proceden".

O tribunal entende que na documentación á que tiveron acceso agora se botaba en falta "a cita concreta dos supostos artigos científicos e estudos, que non se identifican" por parte do Executivo autonómico. Os datos pormenorizados terían contribuído "a realizar un xuízo máis razoado sobre a idoneidade, necesidade e proporcionalidade" de cada restrición.

Feixoo volve cargar contra o Goberno español

Tras coñecer a decisión, Núñez Feixoo celebrou que o alto tribunal galego aceptase os razoamentos articulados pola Asesoría Xurídica, cuxo traballo destacou, así como "o rigor" e o labor que realizan tanto o Servizo Galego de Saúde (Sergas) como o comité clínico que asesora o Executivo galego desde o principio da pandemia.

Máis aló, volveu cargar contra o Goberno español e a "situación pintoresca" -con decisións contraditorias dos tribunais nos distintos territorios do Estado sobre as mesmas medidas- á que, baixo o seu punto de vista, aboca ao "xudicializar" a pandemia.