O TSXG absolve o condenado como cómplice no crime de Samuel Luiz e ratifica as penas para outros tres
ALAS A Coruña, acusación no crime, destaca a "ratificación" da homofobia polo tribunal.
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) absolveu o mozo condenado a dez anos de cárcere como cómplice do asasinato de Samuel Luiz -Alejandro M.R.- e ratifica as penas de entre 20 e 24 anos para os outros tres: Diego M.M., Alejandro F.G. e Kaio A.S.C.
Así o informou o alto tribunal galego após a vista de apelación realizada no mesmo tribunal despois dos recursos presentados polas defensas e nas que tanto Fiscalía, como acusación particular -en representación da familia da vítima- e a popular, o colectivo LGTBI+ Alas A Coruña, pediron a ratificación de todas as condenas.
No caso de Alejandro M.R., e tras a condena por parte da Audiencia Provincial da Coruña en base ao veredicto do Tribunal do Xurado -que absolveu a única moza xulgada polo crime de Samuel na madrugada do 3 de xullo de 2021 no paseo marítimo coruñés-, a Sala do Civil e Penal estima o recurso do seu defensa por considerar que non hai probas de que participase na agresión e que houbo vulneración da presunción de inocencia.
Pola contra, confirma a pena de 24 anos de cárcere imposta a Diego M.M., pois no seu caso concorre a agravante de discriminación por motivos de orientación sexual -foi, ademais, o que iniciou a agresión segundo considerou probado-; de 20 anos e medio de cárcere a Kaio A.S.C., tamén autor dun delito de roubo con violencia por subtraerlle o móbil á vítima; e de 20 anos de prisión a Alejandro F.G, rexeitando atenuantes expostas polo seu defensa.
"Non consta que participase na agresión"
No caso do mozo absolto, entende que "non consta acreditado que participase na agresión". "Ningunha testemuña presencial sinala que o vise golpear, encararse coa vítima, impedir que se lle axudase, nin dificultar a súa fuxida". O TSXG considera que o xurado se apoiou en probas indiciarias, pero recalca que "en ningún momento vese (nas gravacións) ningunha actuación das apuntadas no veredicto e feitos probados".
Pola contra, considera probado que Diego M.M., Alejandro F.G. e Kaio A.S.C., "como membros do grupo agresor", interviron "activamente na persecución, propinando golpes e impedindo a defensa e fuxida da vítima". Alejandro M.R., segundo sinalan na sentenza, "resultou empurrado por un dos cidadáns senegaleses, sen que conste se a súa intención era separar ou participar na agresión".
"A brutalidade da malleira está ben acreditada, non só polo visionado dos vídeos da zona, senón tamén polas testificais, que sinalan que foi unha animalada, un ataque dunha gran gravidade, unha sorte de linchamento de todos contra un", engaden os maxistrados, á vez que aseguran que, nunha agresión grupal destas características, "non poden separarse as condutas individuais".
Recurso ante o Supremo
As defensas de tres dos catro mozos condenados pola Audiencia da Coruña polo crime de Samuel Luiz recorrerán ante o Tribunal Supremo. Á espera de avaliar con detemento o contido do auto emitido polo alto tribunal galego, os avogados de Diego M.M; Alejandro F.G. e Kaio A.S.C. ratificaron a Europa Press que formalizarán recurso. "A sentenza é calquera cousa menos xusta", aseverou o letrado deste último ao ser consultado e ao confirmar como os demais o recurso.
Pola súa parte, o colectivo LGTBI+ Alas A Coruña, que exerceu a acusación popular no crime de Samuel Luiz, destacou tras o auto o feito de que quede "ratificada a homofobia".
Nun comunicado, subliña que o alto tribunal galego apoie a súa postura. "Que o asasinato de Samuel Luiz foi un crime de odio cunha clara motivación homófoba". "Esta resolución reforza a importancia de dar o paso de participar activamente neste procedemento xudicial, fundamental para a defensa dos dereitos da nosa comunidade", engade.
Entre outras cuestións, consideran que Samuel foi "percibida como unha vítima vulnerábel". "E como o berro de 'maricón de merda', así como outras expresións proferidas ao longo desa noite, formaron parte do ataque, evidenciando o compoñentelgbtifóbico do crime".
Para a presidenta da entidade, Ana G. Fernández, "a Xustiza ratificou de novo que a homofobia non pode ficar impune nin ten cabida na nosa sociedade". "O recoñecemento, de novo, da lgtbifobia é un acto de xustiza non só con Samuel senón con todas as persoas que enfrontan violencia por ser quen é", sostén.


