O Supremo di que os ventres de aluguer tratan os bebés como "mercadoría" e que as mulleres actúan por "necesidade perentoria"
Di que deixar sen efecto a inscrición da filiación materna vulneraría o dereito das crianzas para coñecer os seus proxenitores".
O Tribunal Supremo (TS) asegurou que os ventres de aluguer "cousifican" os bebés converténdoos nunha "simple mercadoría obxecto dun contrato" cunha muller que "polo xeral actúa impelida por un estado de necesidade perentoria".
Así se expresou a Sala do Civil do alto tribunal nunha resolución na que resolve o caso dun cidadán español que asinou un contrato de ventre de aluguer en México e que pedira eliminar os apelidos da nai dos dous bebés.
O Supremo, con todo, desestima a impugnación da filiación materna da nai xestante a pesar de que, no contrato que subscribiu co home, recoñecía que os embrións transferidos non lle pertencían e que, por iso, non era a nai legal, xurídica ou biolóxica dos bebés que puidesen nacer como consecuencia do proceso.
Nese contrato, a muller tamén renunciaba á patria potestade e ao exercicio da garda e custodia sobre os nados, a cal correspondería en exclusiva ao pai.
O Supremo, en liña co expresado resolución recentes, declara que o interese do menor non pode confundirse co interese do pai que, mediante o contrato de ventre de aluguer, achegando o seu material biolóxico, encargou a unha muller que xestase e dese a luz para el a dúas nenas.
Contrario á orde pública
A sentenza deixa claro que "o recoñecemento no Estado español do contrato do ventre de aluguer asinado en México e da filiación que se fixa nese contrato é manifestamente contrario" á orde pública estatal.
"Entre outras razóns, porque cousifica as menores facéndoas unha simple mercadoría, obxecto dun contrato que pretende fixar a súa filiación con base no pago dun prezo a unha muller, que polo xeral actúa impelida por un estado de necesidade perentoria, que se somete aos riscos asociados a un tratamento de reprodución asistida e que renuncia aos dereitos que como nai xestante lle deberían corresponder, e pretende privar as menores desa relación de filiación materna así como do seu dereito a coñecer a súa nai", afirma o Supremo.
Neste caso en concreto, cando naceron as dúas nenas o seu nacemento foi inscrito no Rexistro Civil de Tabasco cos dous apelidos do pai, único proxenitor que aparecía nas inscricións de nacemento das nenas. Posteriormente, o pai acudiu ao Consulado Español en México para que se practicase a inscrición do nacemento das menores nos termos en que fora realizada polas autoridades mexicanas, o que foi denegado.
Finalmente, o pai acudiu coa nai xestante ao Rexistro Civil Consular para solicitar conxuntamente a inscrición do nacemento das menores, o que se realizou figurando como pai o cidadán español que alugou o ventre por substitución e como nai a muller que subscribiu ese contrato e deu a luz ás nenas, facéndose constar como apelidos das nenas o primeiro apelido paterno e o primeiro apelido materno.
Non ten transcendencia "quen achegou o óvulo"
Cando regresou ao Estado español, o pai presentou unha demanda na que exercitou a acción de impugnación da filiación materna non matrimonial, na que solicitou que se declarase que a muller que deu a luz non é a nai das menores e se retirase o apelido da nai xestante ás dúas menores e fose substituído polo segundo apelido paterno.
O Supremo tamén aclara que "deixar sen efecto a inscrición da filiación materna no Rexistro Civil español vulneraría o dereito das nenas para coñecer aos seus proxenitores e a ser coidadas por eles que estabelece a Convención sobre os Dereitos das Crianzas".
A este respecto, o alto tribunal conclúe: "Carece de transcendencia que a nai xestante non achegase os seus óvulos para a xestación pois ese dato é irrelevante para a lexislación española, na que a filiación non adoptiva materna fíxase polo parto, sen que teña transcendencia quen achegou o óvulo".