Trombos venosos, unha ameaza para a saúde máis aló da Covid-19

Unha sanitaria sostén un vial coa vacina de AstraZeneca. (Foto: Juan Manuel Serrano Arce / Europa Press).
Malia a confusión e a desconfianza arredor da vacina de AstraZeneca, non hai evidencia dunha relación causal entre este fármaco e os episodios de trombose notificados en varios países. Porén a ciencia segue a investigar os efectos adversos máis raros e puntuais descritos até o momento, así como a de tratar o risco de formación de trombos alleos á Covid-19.

 

O medo a un posíbel episodio de trombose despois de recibir a vacina de AstraZeneca elevou a preocupación en distintos países da contorna europea tras o rexistro de varias ducias de pacientes con coágulos sanguíneos. 

O temor provocou a resposta unilateral de varios Gobernos da Unión Europea, que optaron por suspender a vacinación con AstraZeneca aínda sen indicios de que a inoculación deste preparado fose a causante das tromboses diagnosticadas.

As autoridades sanitarias comezaron a revisar todos os casos reportados ao mesmo tempo que a desconfianza se ía estendendo a novos territorios, entre eles España, que acabou por interromper tamén a vacinación coa solución de Oxford.

A campaña reiniciouse tras o informe favorábel da Axencia Europea do Medicamento que non ve "evidencias de que a administración da vacina contra a Covid de AstraZeneca fose a causa dos acontecementos tromboembólicos que motivou medidas cautelares nalgúns países da UE de forma preventiva". Non están xustificadas, dixo, xa que "os beneficios continúan superando os riscos".

Tromboses venosas: outros factores de risco

As autoridades reguladoras aconsellan a administración de calquera das vacinas dispoñíbeis mentres seguen a avaliar os acontecementos adversos notificados, algúns raros e poco frecuentes, para ver se existe ou non unha relación causal coa inoculación.

"Do que se está falando é de tromboses venosas, cuxa probabilidade aumenta ante a presenza de numerosos factores de risco. Obesidade, varices, tratamentos hormonais, enfermidades inflamatorias, sedentarismo, cancro, cirurxías, inmobilidade ou condicionantes xenéticos". Estes son os principais, explica a Nós Diario Beatriz Pombo, responsábel da Unidade de Enfermidade Tromboembólica do Servizo de Medicina Interna do Hospital Lucus Augusti de Lugo.

A enfermidade arterial é a verdadeira pandemia do século XXI

Os trombos poden producirse en calquera localización. A máis habitual, di a especialista, son as veas das pernas, "desde onde nalgunhas ocasións emigran até os pulmóns dando lugar á manifestación máis grave, a embolia pulmonar". Porén, aclara, pódense formar trombos nas veas do abdome, dos ollos, dos brazos; nas veas ováricas ou nas do cerebro, "onde se manifestan estes casos raros dos que agora se está falando".

Terceira causa de morte

Os trombos son coágulos sanguíneos que poden chegar a bloquear tanto as veas como as arterias. "Trátase dun fenómeno fisiolóxico que se produce na parede dos vasos, cando se ven alterados, para evitar que o noso organismo se desangre". O problema, engade Beatriz Pombo, "é que cando se forman de maneira patolóxica, ben porque hai un dano na parede da vea ben porque temos unha enfermidade inflamatoria ou infecciosa, como a Covid-19, créanse trombos de forma esaxerada. Neses casos, obstrúen a circulación e mesmo xerar unha embolia pulmonar que pode ser fatal". 

Moitas debutan cunha morte súbita, moi frecuente en pacientes con cancro, declara Pombo. "De feito, os trombos venosos son a segunda causa de morte en doentes oncolóxicos, e a terceira causa de morte cardiovascular no mundo, por detrás da cardiopatía isquémica e dos ictus. É un problema moi importante". E a canda este sinala outro: a trombose arterial, aínda máis frecuentes. "A enfermidade arterial é a verdadeira pandemia do século XXI porque está relacionada cos factores de risco clásicos: o tabaquismo, o hipercolesterol e a hipertensión arterial cuxas manifestacións máis comúns son o infarto, a anxina, ictus e a vasculopatía periférica, primeira causa de morte cardiovascular a nivel global".

Coágulos e Covid

A Covid-19 é unha doenza protrombótica. Neste sentido, describe a especialista en Medicina Interna do HULA, a formación de trombos vai parella á actividade da enfermidade e é máis frecuente en pacientes que teñen manifestacións moderadas e graves da enfermidade e cunha carga inflamatoria máis alta. "Ocorre sobre todo en pacientes Covid con ingreso, especialmente en unidades de críticos. En pacientes ambularorios con enfermidade leve, o risco diminúe. Podería quedar unha secuela se ten unha embolia pulmonar grave, mais non é o habitual", advirte Beatriz Pombo.

Píldora anticonceptiva

Así como existen enfermidades protrombóticas, hai fármacos que tamén o son. É o caso da píldora anticonceptiva. "Sábese desde hai moito tempo e explica unha alta incidencia en mulleres en idade fértil". Se se prescribe, sinala Pombo, "hai que ter en conta sempre a historia familiar e persoal de trombose venosa. Nese caso podería non estar recomendada ou indicar un preparado hormonal de menor risco", conclúe.

Síndrome VIPIT: un caso entre un millón

Os últimos achados sobre os posíbeis efectos da vacina de AstraZeneca apuntan que se trata dun trastorno de coagulación moi raro, que afecta a unha de cada un millón de persoas. Ten nome: síndrome de trombocitopenia protrombótica inmune inducida pola vacina -VIPIT-.

A ciencia investiga estes episodios de tromboses en senos venosos, raros e pouco frecuentes

Foi descrita por primeira vez o pasado mes de febreiro por Sabine Eichinger, especialista en Hematoloxía da Universidade Médica de Viena, e presenta unha combinación inusual de síntomas entre os que figura un reconto baixo de plaquetas e un aumento dos cóagulos sanguíneos, inducida por unha resposta inmune que activaría a agregación de plaquetas e, polo tanto, a formación de trombos.

A ciencia segue a investigar estes episodios de tromboses en senos venosos, raros e pouco frecuentes, mentres chama a seguir vacinando. A comunidade médica pode recoñecer e tratar a VIPIT, en pacientes con dor de cabeza ou síntomas neurolóxicos tras a inoculación da vacina. E ante unha enfermidade protrombótica como a Covid, o beneficio das vacinas aínda supera os riscos, manteñen as autoridades.