Intelixencia Artificial

A Aesia non se move da Coruña: o Supremo desestima o recurso de Granada

Edificio 'A Terraza', futura sede da Aesia na Coruña. (Foto: Europa Press)
O alto tribunal considera que o Consello de Ministros motivou adecuadamente a súa decisión, polo que non ve vulneración de dereitos.

A Aesia queda na Coruña. O Tribunal Supremo vén de desestimar o recurso do Concello de Granada contra o acordo do Consello de Ministros do 5 de decembro de 2022 polo que se elixiu A Coruña como sede física da futura Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (Aesia), ao considerar que o texto recolle unha decisión discrecional adecuadamente motivada. Os maxistrados concluíron que, tendo en conta que o Goberno español explicou correctamente as razóns polas que adoptou esta a decisión, non se lesionou o principio de obxectividade baixo o que debe realizar a súa actividade a administración pública.

Na sentenza, a Sala do contencioso-administrativo explicou que a decisión final motivada desta selección incumbe ao Consello de Ministros, que elixiu unha das tres candidaturas que se cualificaron pola comisión consultiva correspondente como 'de excelencia' —Alacant, Granada e A Coruña. O Supremo insistiu en que non se trata "dun concurso en que se adxudica a sede á cidade candidata que alcanza maior puntuación", senón dun "acto discrecional motivado do Consello de Ministros que pode seguir ou non" as recomendacións efectuadas.

A queixa de Granada

O Concello de Granada alegou que o informe no que se baseou o Executivo non expresaba en maneira algunhas que valoracións asignaba a cada candidatura —"nin sequera ás tres mellores"— para cualificalas de "excelencia". Ademais, incidiu en que non había "constancia ningunha" de que o devandito informe se trasladase á comisión consultiva antes de que se adoptase a decisión o 5 de decembro de 2022. Desde a Avogacía do Estado alegaron que a elección da Coruña como sede tratouse dunha decisión "discrecional, pero motivada cun estándar máximo de motivación que ofrece información precisa, razoada e razoábel".

Neste sentido, os servizos xurídicos da Administración recalcaron que nin o informe do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital nin o da comisión consultiva son vinculantes, "por máis que se trata de elementos valiosos para a adopción da decisión que corresponde ao Consello de Ministros". O Concello da Coruña tamén mostrou a súa oposición ao recurso de Granada e subliñou que a motivación do Executivo "ofrece elementos de xuízo máis que suficientes" para que se trata dunha decisión "axustada aos principios de seguridade xurídicas e obxectividade".

Os maxistrados explicaron a Granada que o feito de que no informe de valoración das candidaturas da comisión figurase Granada en primeiro lugar "non conleva efecto ningún para a recomendación da cidade da Coruña que realiza a comisión ao Consello de Ministros". "Unha determinada orde nunha listaxe suxeita aos condicionantes anteditos non crea expectativa algunha nunha concreta postulante que crebe o principio de confianza lexítima (...) se, finalmente, se resolvese doutro xeito", sinalaron.

Aliás, o tribunal alegou ao Concello que o feito de que a reunión da comisión consultiva tivese lugar o mesmo día do acordo do Consello de Ministros "carece da relevancia". En 25 folios, a Sala insistiu en que "o acordo do Consello de Ministros non debe atender á candidatura con maior puntuación, senón a unha das candidaturas 'de excelencia', iso si explicitando as razóns da decisión mediante a correspondente motivación aquí existente, polo que tampouco se lesionou o principio de obxectividade baixo o que debe realizar a súa actividade a administración pública".

Con esta resolución, da que foi relatora a maxistrada Celsa Pico, o Supremo dá por resolto o asunto despois de que o pasado xullo denegase a petición de Granada de suspender de forma cautelar o acordo do Consello de Ministros.