Xustiza

Sen distincións: o Supremo equipara as parellas de feito aos matrimonios como familias numerosas

O Supremo estudou o caso dunha parella de feito á que a Xunta de Andalucía concedeu o título de familia numerosa, mais só para un dos proxenitores. (Foto: Nós Diario)
Os xuíces precisan tamén que poden ser familias numerosas as monoparentais ou as formadas por irmáns orfos.

O Tribunal Supremo equipara as parellas de feito aos matrimonios para os efectos da obtención do título de familia numerosa e ao seu goce, tanto polos fillos como polos proxenitores, sen exclusión de ningún deles. Os maxistrados precisan, nunha sentenza transcendida esta quinta feira, que o único requisito é que a parella se rexistrase nun rexistro de unións de feito para acreditar a convivencia. Aseguran tamén que "a aplicación do artigo 2.3 da Lei de Protección de Familias Numerosas non exclúe que teñan a consideración de ascendientes os dous proxenitores aínda cando non haxa vínculo conxugal pero estea inscrita a parella de feito nun rexistro de unións de feito".

O tribunal chegou a esta conclusión tras estudar o caso dunha parella de feito rexistrada no rexistro autonómico de unións de feito —e pais de tres fillos comúns— a quen a Consellaría de Familia da Xunta de Andalucía concedeu o título de familia numerosa, pero fixando como beneficiarios o pai —que realizou a solicitude— e os menores, non así a nai. Segundo consta na sentenza, a Xunta alegou que excluía a nai en aplicación da Lei de Protección ás Familias Numerosas, porque esta "considera ascendientes o pai, a nai ou ambos conxuntamente cando exista vínculo conxugal e, no seu caso, o cónxuxe dun deles".

Desconforme con esta decisión, a parella levou o seu caso ante un Xulgado do Contencioso-Administrativo de Sevilla, que lle deu a razón e condenou á Administración para recoñecer tamén á nai como membro da familia numerosa. O Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía confirmou dita resolución, pero o Goberno andaluz elevou o asunto até o Supremo. A Administración autonómica alegou que a Lei de Parellas de feito andaluza equipara matrimonio e unións de feitos con certas limitacións e que a Lei de Familia Numerosas non inclúe no concepto deste tipo de familias ás unións de feitos.

Agora o alto tribunal resolveu o asunto ao concluír que os beneficios que comporta o título de familia numerosa aplícanse a todos os membros, tanto aos fillos como aos proxenitores. Segundo precisou, a razón é que eses beneficios compensan as maiores cargas de ser familia numerosa que recaen na unidade familiar, logo en todos os seus integrantes.

Na resolución, da que foi relator o maxistrado José Luis Requero, o Supremo incidiu en que a familia é a base e o obxecto da regulación da Lei de Familias Numerosas "sen que o vínculo conxugal ou matrimonial teña efectos constitutivos da condición de familia numerosa, por iso é polo que poida selo unha familia monoparental e, mesmo, a formada por irmáns orfos". Neste sentido, os maxistrados recalcaron que "o vínculo conxugal xustifícase como garantía formal de que hai unha convivencia familiar estábel e indefinida no tempo: ofrece seguridade, certeza, de fronte ao acceso ao conxunto de beneficios derivados da condición de familia numerosa".

Reforma legal

No marco da sentenza, o tribunal aproveitou para apuntar que "sería desexábel unha reforma legal, o que non se acometeu en vinte anos e tras sete lexislaturas", á vez que afeou que cando finalmente acometeuse no proxecto de Lei de Familias, o mesmo caducou tras disolverse as Cortes o pasado mes de xullo. Os maxistrados lembraron que o proxecto reformaba o artigo 2.3 nestes termos: "Para os efectos desta lei, considéranse ascendientes as persoas proxenitoras, de forma individual ou conxuntamente, cando exista vínculo conxugal ou constitúan unha parella de feito rexistrada como tal, ou, no seu caso, ao cónxuxe ou parella de feito rexistrada dun deles".

O Supremo comparte que esa reforma daría seguridade xurídica e un réxime legal unitario en todo o Estado español, pero destacou que para incluír no mesmo título de familia numerosa aos dous proxenitores non unidos con vínculo conxugal pódese chegar xa partindo de cal é fin da Lei —a protección destas familias— e do carácter non constitutivo do matrimonio para estes efectos.

Segundo explicou, sobre esta base —e a partir dos títulos polos que o Estado promulgou a lei— as comunidades autónomas teñen espazo xurídico para recoñecer a condición de beneficiarios aos dous conviventes exercendo a súa competencia en materia de asistencia social, dentro das bases da normativa estatal ou na execución da mesma. Por iso, deu a razón á parella e desestimou o recurso da Xunta.