O Tribunal Supremo desbota as alegacións da Xunta e confirma a nulidade da autorización do parque eólico do Iribio

Obras de construción do parque eólico Oribio —Samos—, en 2019, nun espazo pertencente á Rede Natura 2000 (Foto: Plataforma Salvemos O Iribio).
O alto tribunal desbotou este recurso, ao tempo que reprochou á Xunta que “fixese valer un procedemento de avaliación de impacto ambiental claramente obsoleto, obviando a caducidade da DIA e as sucesivas proteccións legais que se foron outorgando á zona”.

O Tribunal Supremo (TS) confirmou esta segunda feira a nulidade da autorización outorgada pola Xunta da Galiza ao proxecto de parque eólico do Iribio, concedida en 2019 empregando unha declaración de impacto ambiental concedida en 2005 para un proxecto que se ía desenvolver nos mesmos terreos pero “substancialmente distinto”, detallan nun comunicado Adega, a Sociedade Galega de Ornitoloxía e a Fundación Oso Pardo.

Estes tres colectivos foron os que precisamente en 2019 impugnaron a autorización do Goberno galego a este proxecto, promovido por Fergo Vento S.L. na Serra do Oribio. As asociacións entendían daquela que a autorización non se concedera “conforme a dereito”, xa que a súa construción non era compatíbel coa conservación da riqueza natural e cultural deste territorio, nin co seu desenvolvemento sustentábel, e non cumpría as disposicións do Plano Director da Rede Natura 2000 na Galiza”.

Nun primeiro momento, as obras xa foran paralizadas preventivamente polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) en 2019, despois de que a Xunta non presentara a documentación regulamentaria.

Despois de que o Executivo galego e a empresa promotora do parque eólico presentasen un recurso de casación ante o TS pola decisión do TSXG de paralizar as obras. Porén, o alto tribunal desbotou este recurso, ao tempo que reprochou á Xunta que “fixese valer un procedemento de avaliación de impacto ambiental claramente obsoleto, obviando a caducidade da DIA e as sucesivas proteccións legais que se foron outorgando á zona”.

Restauración dos espazos afectados

Unha vez que o TS tombou definitivamente as pretensións da Xunta, os tres colectivos que recorreron a concesión da autorización solicitarán agora a “restauración das zonas afectadas polas obras” que se levaron a cabo antes da paralización das mesmas.

Aliás, as asociacións ecoloxistas e animalistas subliñan que, con esta decisión, o TS fixa xurisprudencia “sobre a caducidade das declaracións de impacto ambiental”, o que pode resultar determinante para moitos outros supostos tamén fóra do territorio galego, ao interpretar a normativa estatal”.

Segundo explican, esta “doutrina” non só afectará parques eólicos, senón que tamén “calquera tipo de proxecto sometido a avaliación de impacto ambiental no que a Administración, obviando os prazos de caducidade que impón a normativa, outorgue autorización”.

O TS salienta que os tribunais “poden declarar que o procedemento de avaliación de impacto ambiental que acompaña ás autorizacións non é válido, anulando a autorización, ao ignorarse pola Administración competente a súa obriga de tramitar o correspondente expediente de caducidade” amparándose nun principio que sostén que “a Administración non pode beneficiarse da súa propia neglixencia ou inactividade cando o resultado sexa contrario a dereito ou ao interese público”.