O Tribunal Supremo decidirá o destino da xuíza Pilar de Lara este mes

A maxistrada do Xulgado nº 1 de Lugo, Pilar de Lara, coñecida por instruír macrocausas como a 'Operación Carioca'. (Imaxe: Europa Press)
Aproximadamente a mediados do mes de xaneiro a maxistrada do Xulgado de Instrución nº 1 de Lugo, Pilar de Lara, saberá se o Tribunal Supremo acepta que permaneza na súa praza ou se, como ratificou o Consello Xeral do Poder Xudicial, debe abandonala após ser sancionada.

En novembro de 2018 o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) expedientou á titular do Xulgado de Instrución nº 1 de Lugo, a maxistrada Pilar de Lara, acusándoa, por unha banda, da "desatención ou retrasos inxustificados na instrución de causas penais" e, pola outra, da "adopción de decisións que, con manifesto abuso procesal, xeran ficticios incrementos de volume de traballo". A sanción, de sete meses e un día sen emprego nin salario, implicaría a perda do seu destino.

"A causa iníciase por unha actuación do servizo de Inspección do Poder Xudicial, que informa dunha evolución negativa dos casos instruídos no xulgado, afirmando que en dous anos o número non varía", informa o avogado de Pilar de Lara, Agustín Azparren, en declaracións a Nós Diario. Tras agotar a vía administrativa a defensa da maxistrada optou por recorrir ante o Tribunal Supremo, que deberá decidir este mes se a maxistrada mantén de xeito cautelar a súa praza ou se a debe acatar a decisión do CXPX.

"O caso é bastante excepcional e, aínda que os precedentes sinalan que é difícil que se conceda, penso que hai posibilidades de que se acepte a suspensión cautelar", informa o letrado da defensa. "O normal sería que De Lara seguise desempeñando o seu cargo até o momento da resolución, que pode tardar até un ano. De non ser así, se o Supremo deixase a sanción sen efecto nun ano, as consecuencias serían irreversíbeis, xa que a maxistrada tería abandonado a súa praza", engade Azparren.

A xuíza fíxose coñecida por instruír macrocausas nas que investigou a corrupción política, como a 'Operación Pokemon' ou o caso 'Garañón'. Tamén por investigar unha rede de trata con fines de explotación sexual que implicaba a axentes da policía ou persoal funcionarial.

A información íntegra pode consultala na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.