O Tribunal Superior tomba a decisión da Xunta de resolver o contrato do transporte regular da Mariña, Viveiro e Ribadeo

[Imaxe: Xunta] Xuntanza da Comisión de seguimento do Plan de transporte público, na que participou a conselleira Ethel Vázquez
A sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza –TSXG– acaba de anular a decisión pola que Dirección Xeral de Transportes resolveu, en agosto de 2018, o contrato de xestión do servizo público de transporte regular de viaxeiros e viaxeiras de uso xeral da Mariña, Viveiro, Ribadeo –que fora adxudicado xusto un ano antes á UTE formada polas empresas Autos Morán e Autocares Rodríguez Domínguez–, por incumprimento das obrigas de subrogación de persoal. 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xustificaba pouco antes de formalizarse a rescisión daquel contrato a decisión da Xunta, aludindo a un “inadmisíbel” incumprimento das cláusulas relativas á subrogación do persoal e remitíndose a informes xurídicos que, segundo defendeu naquela comparecencia, acreditaban os incumprimentos. Aquel procedemento tiña como pano de fondo a folga de transportes de viaxeiras e viaxeiros contra a implantación do Plan de Transporte Público do verán de 2017 e os acordos acadados pola Xunta cos sindicatos para desactivar as mobilizacións. “Mantemos o noso compromiso de non permitir que ningunha empresa empregue este plan como escusa para reducir persoal”, salientaba entón a conselleira, en alusión á negativa da UTE a subrogar 15 traballadores da anterior adxudicataria. Porén, a Consellaría contaba xa naquel momento cun ditame do Consello Consultivo que, por unanimidade, se pronunciaba de forma desfavorábel á resolución do contrato, anunciada en setembro de 2017 e iniciada formalmente en febreiro de 2018. 

Como explicitaba o órgano consultivo, é de feito a comisión de seguimento do Plan de Transporte Público da Galiza, creada días despois de formalizarse o contrato a que asume, no seu primeiro momento, a tarefa de requirir as empresas saínte e entrante a documentación sobre os traballadores e traballadoras adscritas ao anterior contrato e aqueles que se ían adscribir á prestación do novo servizo. Eis o cerne do conflito: os criterios e cálculo de persoas a subrogar por parte da nova adxudicataria do servizo de transporte, que até 2016 explotaba unha única empresa, Arriva Noroeste, pero que, a raíz da súa renuncia, se disgregou en tres, dos que un foi adxudicado á UTE agora recorrente, mentres que os outros dous caeron en mans da anterior adxudicataria. Desta, o alto tribunal galego advirte de que estaba “interesada en desprenderse de traballadores, ao ser a adxudicataria dos outros dous servizos en que se desdobrou a antiga concesión”. 

“Escasa fiabilidade”

A sentenza do alto tribunal galego, con data do 25 de setembro e que aínda pode ser recorrida no Supremo, estima o recurso da UTE contra a resolución da Xunta, e para iso acóllese aos argumentos do Consultivo, que concluía no seu ditame que só 3 dos traballadores e traballadoras comunicadas pola empresa saínte para subrogación cumprían os requisitos e quen alertaba da “escasa fiabilidade” da relación de traballadores facilitada pola empresa saínte.

No mesmo sentidomanifestábase, durante o procedemento, a recorrente, que defendía que a relación de traballadoras e traballadores remitida “non obedecía á realidade, por non estar relacionados coa liña adxudicada”. Sobre esta cuestión, a sentenza admite que a empresa anterior “empregou estimacións (...) sen correspondencia entre as follas de ruta en formato papel e os rexistro Excel”, á hora de facer o cálculo. Da mesma maneira, o TSXG asume a tese do Consultivo e recorda que, segundo a normativa de contratación pública, o órgano de contratación –neste caso, a administración galega– tiña a obriga de proporcionar ás licitadoras a información sobre subrogación de persoal, cunha previa petición á contratista saínte, algo que non ocorreu neste caso, ao non cumprir con tal obriga a empresa anterior, Arriva. O ditame do Consultivo aclaraba máis polo miúdo a cuestión, ao indicar que foi a contratista saínte quen omitiu entregar “toda a información sobre as condicións dos contratos dos traballadores”, ante o requirimento da Administración autonómica. “Por este motivo, a Administración non facilitou a información á empresa entrante, UTE, de acordo coas previsións legais e convencionais antes sinaladas”, explicaba. 

A maiores, aquel ditame considerou “documentalmente acreditada” a disposición da UTE de dar cumprimento ás súas obrigas contractuais. “O expediente reflicte que a entidade concesionaria amosa a súa vontade e intención de cumprimento das súas obrigas ao tempo que insiste, como corresponde, que a subrogación do persoal se realice conforme aos requisitos e ás previsións legais fixadas no Acordo Marco Estatal. Resulta pois, tal actuación afastada de amosar unha vontade incumpridora que xustificara a incoación dun procedemento de resolución contractual”, estimaba o tribunal consultivo, antes de pronunciarse contra a resolución do contrato. Na mesma liña, a resolución do Tribunal Superior fala de "dilixencia máxima, boa fe ao subrogar máis da cota que aparentemente lle correspondía, unido ao compromiso expreso de contratar a todos aqueles traballadores que se demostrase que cumprían".