Triacastela xa suspendeu a licenza da mina que ameaza a Cova de Eirós

A Cova de Eirós, xacemento arqueolóxico único na Galiza. (Foto: Cedida)
A alcaldesa confirma que o Concello executou a sentenza que anula a licenza para a explotación da canteira o pasado mes de novembro, tras a resolución do Tribunal Supremo que desbota a súa legalización. 

A alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, informou esta sexta feira de que o Concello "xa suspendeu" o mes pasado a licenza que permitía a actividade de Cementos Cosmos na explotación mineira a ceo aberto situada na parte superior da Cova de Eirós, un xacemento arqueolóxico recoñecido como Ben de Interese Cultural pola súa riqueza patrimonial.

Esta semana, a rede ContraMINAcción daba a coñecer a resolución xudicial que anula de forma definitiva aquela licenza, outorgada polo Concello triacastelán, ao inadmitir o Tribunal Supremo en outubro o último dos recursos posíbeis, que fora presentado pola empresa, e confirmar as resolucións anteriores, que desde 2017 levan declarando a licenza ilegal, primeiro nos xulgados contencioso-adminmistrativos e posteriormente no Tribunal Superior de Xustiza da Galiza.

Nela, estabelécese –como defendía a asociación sociocultural O Iribio– que o Goberno municipal non seguiu o procedemento incorrecto no outorgamento, que debía ter contado coa autorización previa do Consello da Xunta, escoitada a Comisión Superior de Urbanismo da Galiza e a proposta da Consellaría de Medio Ambiente, ao tratarse dun espazo clasificado como solo rústico de especial protección do patrimonio. 

Segundo indicou a rexedora, o Concello xa ten executada a sentenza, mediante a suspensión da licenza.

"A empresa tomará as súas decisións e entre outras cousas xa presentou no seu momento unha solicitude para un título habilitante que lle permite a Lei de Urbanismo de Galiza", aclarou Iglesias, quen afirmou que xa non hai persoal traballando nese lugar. Segundo sinalou, a empresa mandounos á fábrica de Toral de los Vados, onde "si teñen un título habilitante que solicitaron desde 2018".

Porén, os colectivos que integran a plataforma contra a minaría destrutiva alerta de que nas últimas a actividade da canteira se intensificou, "pondo en risco o patrimonio", unha vez coñecida a resolución do Supremo, polo que exixen á Xunta que obrigue a empresa a presentar un plan de clausura e abandono que garanta a restauración inmediata de todas as zonas degradadas.

ContraMINAcción denuncia ademais a "tentativa de lavado de cara de Cosmos, que tamén durante as últimas semanas vén facendo a Cámara Mineira", na que –indica a rede asociativa– chegou a afirmar que o de Triacastela é un dos "exemplos de boas prácticas" ou que a empresa Cementos Cosmos "é a encargada da protección da Cova de Eirós".