O Supremo anula de forma definitiva a licenza da mina sobre a Cova de Eirós

Escavacións realizadas na Cova de Eirós afondaron sobre a vida neandertal no paleolítico na Galiza. (Foto: Nós Diario)
Colectivos integrantes na rede ContraMINAcción emprazan a Xunta a paralizar "de maneira inmediata" a actividade da explotación mineira de Triacastela,  despois de coñecerse a decisión do Tribunal Supremo de inadmitir o recurso da empresa promotora e do Concello.

A decisión do Supremo valida as sentenzas do Tribunal Supremo de inadmitir o recurso da empresa promotora, Cementos Cosmos, e do Concello contra a sentenza que anulou, xa en 2017, a licenza municipal outorgada á mina, pola afectación sobre a Cova de Eirós, un xacemento arqueolóxico que alberga o conxunto de pinturas rupestres máis valioso da Galiza

Con esta resolución, trasladada en novembro ao xulgado de Lugo que ditou a primeira sentenza pola que se anulou a licenza, o alto tribunal fecha de forma definitiva as posibilidades de explotación da canteira a ceo aberto que puñan en risco o patrimonio prehistórico contido na Cova de Eirós, catalogada desde 2019 como Ben de Interese Cultural, e da que distintos colectivos solicitaban a súa declaración de Patrimonio da Humanidade da Unesco.

Foi unha destas entidades, a asociación sociocultural do Iribio, quen iniciou o procedemento xudicial para declarar ilegal a licenza urbanística, outorgada en 2014, co apoio do Sindicato Labrego, entidades pertencentes, ambas as dúas, á rede ContraMINAcción.

"A explotación de Cosmos é paradigma da minaría destrutiva", salienta esta plataforma, que denuncia que, coñecida a decisión do Supremo, a empresa "aumentou de modo frenético o ritmo da explotación, pondo en risco o patrimonio". Nese sentido, demanda da Xunta que obrigue Cosmos a presentar o plan de clausura e abandono da canteira, unha vez que a actividade é ilegalizábel, e que garanta a restauración inmediata de todas as zonas degradadas, "independentemente das sancións administrativas e penais que poidan corresponder".

Hai agora un ano, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) confirmou a primeira sentenza, dun xulgado contencioso administrativo de Lugo, e sinalou que o procedemento seguido polo Concello para conceder a licenza "non foi correcto", ao estar a maioría do solo sobre o que se asenta a explotación clasificado como rústico de especial protección de patrimonio, "clasificación que require unha tramitación para a obtención da licenza urbanística distinta da tramitación seguida polo Concello".
Como fai notar esta resolución, esa clasificación determina que a licenza non podía outorgarse "sen recabar a previa autorización do Consello da Xunta, escoitada a Comisión Superior de Urbanismo da Galiza e a proposta da Consellaría competente en materia de minas". 

A este respecto, desde Contraminacción advirten de que a explotación de Cosmos "non foi sometida ao trámite de avaliación de impacto ambiental cando se reclasificou como explotación mineira de recursos C, malia tratarse dunha explotación a ceo aberto con afectación á rede Natura 2000, ao Camiño de Santiago e a un BIC único".

Ao fío, a plataforma ambientalista chama as Administracións a promover a candidatura deste espazo como Patrimonio da Humanidade, dentro do conxunto xa recoñecido que conforman outras 18 covas do noroeste peninsular, entre as que se conta a cova de Altamira e outras manifestacións da arte rupestre paleolítico en Cantabria, Asturias e Euskadi.