Trens e autobuses ateigados malia as restricións de mobilidade e reunión

Viaxeiros do transporte urbano de Vigo, coñecido popularmente como Vitrasa (CRTVG).
Persisten as queixas do colectivo de viaxeiros ante a falta de frecuencias e de condicións suficientes para poder cumprir coas medidas de seguridade que exixe a pandemia.

Cumprir coas medidas de seguridade básicas que marca a prevención contra o novo coronavirus é cada día máis difícil para as persoas que usan a diario o transporte público de viaxeiros.

Desde o primeiro de xullo, con Galiza instalada xa na nova normalidade após a primeira vaga da pandemia, trens e autobuses restabeleceron o seu servizo de venda para ofrecer ao colectivo de usuarias a totalidade dos asentos dispoñíbeis.

Desde entón, despois dun período de restricións que impuxo o uso obrigatorio de máscara e xel hidroalcólico, a distancia de seguridade de dous metros nos accesos e nas saídas e que mesmo chegou a limitar a capacidade máxima dos vehículos, entre outras medidas, operan de novo ao 100% da súa cabida. E fano entre as queixas reiteradas das usuarias que ven como se endurecen as medidas de prevención en todos os ámbitos salvo no transporte público.

Os trens, sen frecuencias

Os recortes nos trens pola pandemia seguen a ser motivo de protesta, máis cando a falta de frecuencias limita e mesmo impide traslados laborais ou por estudos, e consegue que as viaxeiras compartan vagóns sen distancia de seguridade ningunha.

"A verdade é que é imposíbel manter os dous metros de distancia interpersoal que se recomendan", asegura a Nós Diario persoal de Renfe. "Mentres nas estacións manteñen asentos bloqueados e coidan a limpeza despois de cada uso, nos trens están todos dispoñíbeis. E hainos que se duplican durante o traxecto. Algúns poden chegar a ter dous, tres e incluso catro ocupantes durante a mesma viaxe, denuncian.

Nestas condicións, defenden , que o transporte público é "un foco potencial de contaxios" onde persoal de risco se ve exposto a ducias de viaxeiros, ao intercambio de cartos e de documentos persoais que poden chegar a comprometer a súa saúde.

"Hai asentos que se duplican durante o traxecto. Algúns poden chegar a ter dous, tres e incluso catro ocupantes durante a mesma viaxe".

Segundo Juan Francisco Sánchez Losada, coordinador do sector do ferrocarril do sindicato maioritario CXT, na actualidade circula 60% dos trens que o facían antes da pandemia. "E suprimiron algunhas das liñas que máis demanda teñen, os trens de primeira hora que comunican Ourense, Santiago e A Coruña ou Vigo, Pontevedra e Santiago. Con todo, as localidades máis afectadas son as do rural", asevera.

A escaseza de frecuencias lastra a demanda, principal escusa de Renfe para ignorar as solicitudes das viaxeiras. Piden intensificar a oferta de servizos nas franxas horarias de maior demanda, non só para chegar ao seu destino, senón para facelo de forma segura e sen masificacións.

"Nestes meses Renfe modificou o ritmo de venda a petición da CXT. O sistema que empregaba provocaba unha ocupación desigual dos vagóns, contraria ás recomendacións sanitarias. Podía ir un lado ateigado e outro completamente baleiro", sinala o responsábel do sector ferrocarril do sindicato. Agora, sempre que a demanda o permite, o despacho de billetes trata de ofrecer un de cada dous asentos. Mais hai viaxes nas que é imposíbel. Os domingos e as sextas feiras os estudantes ateigan as liñas e non reforzan as circulacións", di Sánchez Losada, quen denuncia as graves carencias das liñas de proximidade e media distancia en favor da alta velocidade.

O transporte urbano, atestado cara aos campus e os hospitais

A imposibilidade de cumprir coas medidas de protección fronte ao coronavirus tamén ten moi enfadadas as usuarias do transporte urbano. É o caso das universitarias de Vigo, que un día tras doutro denuncian nas redes sociais a realidade dentro dos vehículos nos que acceden ao campus.

Non entenden que só poidan reunirse cun máximo de cinco persoas ou co seu grupo de conviventes pero que nada impida compartir autobús con descoñecidos dos que non teñen forma de afastarse. Botan en falta frecuencias, ventilación e medidas de hixiene que garantan un mellor coidado da saúde, tamén en liñas de alta ocupación, como as que comunican co hospital. O transporte de viaxeiros por estrada tamén opera ao 100% da súa capacidade desde xullo. e con carácter xeral, cunha ocupación de 40%, di Carlos García Cumplido, presidente da federación galega.