"O tren non se encontra dispoñíbel": preocupación pola 'retirada' de convois na Galiza por parte de Renfe

Trens de Renfe na estación de Santiago de Compostela (Foto: César Arxina / Europa Press).
A retirada de trens nas horas centrais do día preocupa as persoas usuarias de Renfe.

A preocupación das persoas usuarias de Renfe na Galiza aumenta por días. Segundo se puido coñecer nas últimas horas, a aplicación e a páxina web da empresa na cal se deben reservar os billetes, mostra a seguinte mensaxe: “Desde o 9 de xaneiro de 2024, este tren modifica o seu horario”, algo que acontece para todos os convois da liña Vigo - Santiago de Compostela.

Así, se se consultan os convois para esta terza feira pode verse unha falta de servizo alarmante ao longo das horas centrais do día en localidades que fan uso do servizo como Redondela, Arcade (concello de Soutomaior) ou Pontecesures.

Se, por exemplo, unha persoa usuaria tiver que facer o traxecto desde Redondela á capital galega, ten un tren ás 9,20 horas e o seguinte ás 13.48, é dicir, máis de catro horas de diferenza entre ambos os convois. Até agora había a opción dun tren ás 12.43, mais agora na web da empresa ferroviaria nese tren aparece o seguinte texto: “O tren consultado non se atopa dispoñíbel para a venda nestes momentos. Ténteo de novo máis adiante e desculpe as molestias”.

Ante isto, Nós Diario tivo acceso á testemuña de varias persoas usuarias que se puxeron en contacto con Renfe para consultar se ían poder facer uso dese tren. Mais, segundo relatan, a resposta que recibiron foi “non nos consta”.

Atrasos

Esta situación súmase á vivida nos últimos meses con múltiples incidencias no transporte ferroviario galego con numerosos atrasos nas conexións ferroviarias entre Ourense e A Coruña, e na liña do Eixo Atlántico entre a cidade herculina e Vigo.