O Tren Celta recupera a súa conexión directa entre Porto e Vigo a partir de decembro

O actual tren Celta une Vigo co Porto en máis de dúas horas. (Foto: Nós Diario)

Desde o pasado mes de agosto as viaxeiras tiñan que facer transbordo en Viana do Castelo.

O Eixo Atlántico informou de que o Tren Celta, que une as cidades de Vigo e Porto (Portugal), recuperará a súa conexión directa a partir do próximo mes de decembro.

Nun comunicado, o organismo asegurou que Comboios de Portugal volverá conectar a cidade olívica co Porto de forma directa, sen necesidade de facer transbordo en Viana do Castelo.

"Debido ás xestións do presidente do Eixo, Luís Nobre, ante Comboios de Portugal (CP), e tras as conversas telefónicas mantidas co presidente da compañía ferroviaria, Pedro Moreira, confirmouse que o servizo internacional do Tren Celta entre Porto e Vigo renovarase en decembro de 2025, sen necesidade de transbordo en Viana do Castelo", apuntou o Eixo.

A decisión de implementar temporalmente o transbordo respondeu a dous factores, segundo explican: o atraso nas obras de electrificación da liña do Algarve e a dispoñibilidade limitada de automotoras da serie 592, alugadas a Renfe, que alcanzaban o límite contractual de uso.

O Eixo Atlántico insistiu na necesidade de xestionar o servizo a través dunha empresa mixta, que utilice trens bitensión e permita ampliar a conexión até A Coruña.

"Así mesmo, o Eixo Atlántico non descarta a opción de que, se o servizo non mellora, se contacte con operadores privados para avaliar o seu interese en prestar servizo nesta liña, tal e como no seu momento solicitou Avanza. Esta solicitude foi aprobada inicialmente, pero quedou sen efecto debido á reestruturación de Avanza na península Ibérica", apuntou.