Puente anticipa dous anos máis de incidencias nos trens: "Material novo que algún problema dará e material nos últimos anos de vida"
O ministro de Transportes e Mobilidade Sostíbel, Óscar Puente, anticipou que nos dous próximos anos produciranse máis incidencias na rede ferroviaria, ao ter que estrear novos trens que poden dar problemas, ao mesmo tempo que conviven con outros trens vellos que se quedaron obsoletos.
Nunha comparecencia no Congreso a iniciativa propia para informar da actual situación dos trens, Puente admitiu esta conxuntura durante os dous próximos anos, mais que ve necesaria para renovar a frota de material rodante e elevar a calidade do servizo a longo prazo.
O ministro lamentou que pasasen 15 anos sen estrear ningún novo tren de longa distancia e mesmo 17 anos no caso dos de proximidades. E agora que se puxo en marcha o primeiro deses trens, o Avril de Talgo da serie 106 de Renfe, deu problemas.
"Recentemente tivemos unha incidencia moi seria nestes trens ao detectar nunha revisión rutineira algunhas fisuras nos bogies dos trens que serven na liña Madrid-Barcelona, o que nos obrigou a retiralos da circulación, coas afectacións lóxicas que iso supón", explicou.
Con esta experiencia, Puente advertiu de que os novos trens que se empezarán a estrear a partir do ano que vén poden tamén incorrer nese "pecado de mocidade", mentres que os trens máis vellos poden dar problemas pola súa antigüidade.
"Quero ser moi cauto porque eu mas prometía moi felices co tren Avril e logo non foi tanto. Témome que os dous seguintes anos imos atoparnos nas dúas partes da curva, cun material novo que algún problema dará e cun material nos seus últimos anos de vida", argumentou.
Puente adiantou que dos 500 trens novos que se encargaron o ano pasado, os primeiros de proximidade chegarán a principios do ano que vén, a un ritmo de entrega duns dous por semana.
Con todo, cre que é necesario incorporar máis trens á frota de Renfe, de forma que xa tivo os primeiros contactos cos fabricantes (esta semana estivo na fábrica alemá de Siemens) para lanzar outro gran encargo.
Interpelación do BNG
As palabras de Puente chegan días que de que o BNG, a través do seu deputado no Congreso, Néstor Rego, leve a cabo no Congreso a vindeira cuarta feira 10 de setembro unha interpelación urxente dirixida ao ministro de Transportes e Mobilidade Sostíbel.
A formación nacionalista porá sobre a mesa "as carencias e necesidades estruturais do transporte ferroviario na Galiza", reclamando neste comezo de curso político "accións inmediatas e investimentos reais que permitan avanzar cara a unha rede ferroviaria moderna, eficiente e pensada para as galegas e galegos".
Segundo Rego, "a realidade do transporte ferroviario galego é insatisfactoria, malia os compromisos adquiridos polo Goberno no marco do Acordo de Investidura co BNG". Neste sentido, sinala, "o Ministerio debe pasar das promesas aos feitos e pór en marcha medidas concretas que dean resposta ás demandas da cidadanía galega".


