“Trátase dunha persecución relixiosa?” A resposta da residencia Paz y Bien a familias que denunciaron incumprimento medidas antiCovid nas misas

Misa na residencia Paz y Bien este 5 de abril (Foto: Nós Diario)

Familiares e residentes denuncian a dirección do centro xeriátrico Paz y Bien pola realización continua de misas que vulneran a normativa anti-Covid. Nós Diario tivo acceso ao escrito que se lles enviou desde a residencia após estas denuncias.

Residencia de Tui das franciscanas Paz y Bien, onde morreron 23 persoas nun gromo en xaneiro, volve facer misas cando non están autorizadas as concentracións, conforme ás normativas e protocolos en vigor aprobadas ou publicadas conxuntamente polas Consellarías de Sanidade e de Política Social os pasados 17 de setembro e 17 de novembro de 2020.

A Asociación de Familiares da Residencia Paz y Bien, adscrita á federación galega REDE, informa de que denunciou en Política Social unha misa ‘especial’ oficiada nesta tarde polo crego do santuario da Franqueira (A Cañiza) chegado ‘ex profeso’ para unha cerimonia aberta a usuarias e visitas (persoas convidadas) “e que supón un perigo latente para unha nova infección masiva así como a vulneración maiúscula das normas vixentes sobre convivencia en residencias en tempos de Covid-19 e a conculcación das medidas aprobadas para regular as visitas”.

Nesta Semana Santa, a residencia das franciscanas desenvolveu outras dúas misas, unha a pasada quinta feira e outra no domingo de Pascua, facendo mudar mesmo as horas do almorzo e merenda das usuarias, quedando relegadas en función das celebracións relixiosas.

“Non serán libres de poder vivir a súa fe?”

Familiares de persoas usuarias desta residencia recibiron nas últimas horas un escrito dunha das monxas responsábel da residencia e que se refire a esas denuncias como “mentiras” e “acusacións inxustas”.

Mesmo apunta á teoría dunha “persecución relixiosa”. “Paréceme durísimo, o que din que comunicaron á Xunta e á Delegación ou Subdelegación do Goberno, para que enviasen Policía e Garda civil e prohibisen a Misa.  Pero en que mundo estamos? Trátase dalgunha persecución relixiosa? É que xa non atopo outro motivo!”.

No escrito, ao que tivo acceso Nós Diario e que se enviou a quen non estiveron presentes nas cerimonias, considera “moi duro e vergoñento” que alguén das familias poidese denunciar os feitos e pregunta directamente “quen mandou á prensa” esas denuncias.

“Que fixemos, ou eu concretamente para que se me acuse inxustamente? A máis interesada en que todo sexa ben feito son eu!. Algún de vós viu a Misa de Xoves Santo e Domingo de  Resurrección? Tres señoras son as que estaban connosco, non serán libres de poder vivir a súa fe?”, pregunta

Anuncia que remitirá as notas de prensa a familiares para que opinen, someadamente os que estiveron presentes nas cerimonias relixiosas.