Denuncian o incumprimento das medidas antiCovid nas múltiples misas masivas da residencia Paz y Bien

Misa na residencia Paz y Bien este 5 de abril (Foto: Nós Diario)

Familiares e residentes denuncian a dirección do centro xeriátrico Paz y Bien pola realización continua de misas que vulneran a normativa anti-Covid para a convivencia segura nos centros sociosanitarios. As familias pediron á Xunta que se suspendese unha misa que decorreu na tarde desta segunda feira, 5 de abril, con “portas abertas” ao público nun acto que recorda outro vivido nas festas de Nadal, cando a presenza doutro crego da Coruña provocou a infección masiva na residencia co resultado de 23 falecementos e 92% das usuarias contaxiadas.

A Residencia de Tui das franciscanas Paz y Bien, onde morreron 23 persoas nun gromo en xaneiro, volve facer misas cando non están autorizadas as concentracións, conforme ás normativas e protocolos en vigor aprobadas ou publicadas conxuntamente polas Consellarías de Sanidade e de Política Social os pasados 17 de setembro e 17 de novembro de 2020.

Nun comunicado remitido nesta segunda feira, 5 de abril, a Asociación de Familiares da Residencia Paz y Bien, adscrita á federación galega REDE, informa de que vén de denunciar en Política Social unha misa ‘especial’ oficiada nesta tarde polo crego do santuario da Franqueira (A Cañiza) chegado ‘ex profeso’ para unha cerimonia aberta a usuarias e visitas (persoas convidadas) “e que supón un perigo latente para unha nova infección masiva así como a vulneración maiúscula das normas vixentes sobre convivencia en residencias en tempos de Covid-19 e a conculcación das medidas aprobadas para regular as visitas”.

Nesta Semana Santa, a residencia das franciscanas desenvolveu outras dúas misas, unha a pasada quinta feira e outra no domingo de Pascua, facendo mudar mesmo as horas do almorzo e merenda das usuarias, quedando relegadas en función das celebracións relixiosas.

A Asociación de Familiares da Residencia Paz y Bien entende que este é “un feito moi grave”, co antecedente do gromo detectado a primeiros de xaneiro despois de que un crego da Coruña, infectado previamente -segundo asegura a asociación, sinalando fontes do Sergas- oficiase unha misa na residencia nas festas do Nadal. Morreron 23 persoas, entre usuarias e monxas, e infectáronse 66 residentes do total de 72 (92%), ademais de 35 traballadoras.

“Non aprendemos nada, xa denunciaramos no seu tempo á superiora da congregación que leva a dirección da residencia, María Isabel Lomba, por unha actitude irresponsábel tanto nos días previos a aquel gromo como despois na xestión do mesmo nas primeiras horas, o que levou á federación REDE a pedir a intervención pública da residencia”, intervención da Xunta da Galiza que se levou a cabo o pasado 12 de xaneiro, despois de que no día anterior se denegara e a pesar de que os números situaban xa Paz y Bien como unha das residencias máis castigadas pola Covid-19 no Estado español.

A Asociación de Familiares das Usuarias de Paz y Bien e a federación REDE, na súa denuncia, remitida nesta segunda feira ás direccións xerais de Maiores e de Atención Sociosanitaria da Consellaría de Política Social e aos servizos de inspección deste departamento, solicitaron a suspensión urxente da misa prevista para as 17 horas da tarde deste 5 de abri, presidida polo crego titular do santuario da Franqueira, Javier Alonso. “A cerimonia ten unha carga alegórica”, din os familiares, “xa que está presente a Cruz de Lampedusa, símbolo apostólico contemporáneo das migracións, cruz itinerante que percorre nestes días as dióceses da provincia de Pontevedra, e que chega agora á residencia das franciscanas en Tui”.

Á cerimonia desta tarde a congregación franciscana invitou familiares das persoas residentes falecidas polo gromo da Covid-19, xa que tamén é desexo das relixiosas facer así unha homenaxe ás vítimas. Parte destas familias declinaron a invitación por entender que a dirección da residencia é responsábel da existencia do gromo de xaneiro, e que agora están a reproducir as mesmas circunstancias que se deron nas festas de Nadal.