Investigación

Un novo fármaco duplica a supervivencia en pacientes con cancro de mama metastásico

A supervivencia media foi de 23,4 meses con este tratamento fronte a perto de 17 meses coa quimioterapia habitual. (Foto: Nós Diario)
O persoal investigador apunta que é "a primeira terapia dirixida contra a proteína HER2 que demostra un beneficio clínico significativo en pacientes con cancro de mama".

Investigadores do Hospital Clínic-IDIBAPS, do Instituto Catalán de Oncoloxía (ICO) e do Vall d'Hebron Instituto de Oncoloxía (Vhio) veñen de participar dun estudo internacional que demostra a eficacia dun novo fármaco para o cancro de mama metastásico cunha baixa expresión de HER2 —proteína presente nas células mamarias que promove o crecemento—.

Con trastuzumab deruxtecan, unha combinación dunha terapia dirixida con quimioterapia, o tratamento aumenta a supervivencia libre de enfermidade e a supervivencia media fronte aos tratamentos habituais, informou o Hospital Vall d'Hebron nun comunicado.

O trastuzumab deruxtecan é un novo fármaco que conxuga un anticorpo monoclonal —trastuzumab— cun quimioterápico —deruxtecan— e foi aprobado recentemente para o tratamento do cancro de mama metastásico HER2+ polas axencias do Medicamento dos Estados Unidos (FDA) e de Europa (EMA).

O tratamento duplica a supervivencia libre de progresión

No estudo participaron 557 pacientes, das que perto de 90% tiñan un tumor con RH positivo e 10% tiñan un tumor con RH negativo, e na investigación avaliouse o uso do deste fármaco fronte ao tratamento de elección do especialista en pacientes con cancro de mama HER2-low [baixo] que recibiran un ou dous tratamentos previos de quimioterapia, alén de tratamento hormonal.

A supervivencia libre de progresión foi de perto de dez meses cando se utilizou o trastuzumab deruxtecan, e de 5,1 meses coa quimioterapia habitual, mentres a supervivencia media foi de 23,4 meses fronte a arredor de 17 meses facendo a mesma comparativa.

571.000 mortes anuais no mundo

Así, o estudo conclúe que o tratamento con trastuzumab deruxtecan é "a primeira terapia dirixida contra HER2 que demostra un beneficio clínico significativo en pacientes con cancro de mama", o tumor máis frecuente en mulleres en todo o mundo, que afecta 2,3 millóns de persoas e causa a morte de 571.000 cada ano.

O oncólogo do Hospital Clínic, xefe do grupo de xenómica translacional e terapias dirixidas en tumores sólidos do IDIBAPS e profesor da Universitat de Barcelona (UB), Aleix Prat, explicou que esta descuberta "prolonga a supervivencia das pacientes" que até o de agora non se beneficiaban deste tipo de tratamentos.