Trasladan unha trintena de doentes a causa das pulgas no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo

Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo (Sergas)
Os pacientes foron trasladados a un espazo que estaba baleiro e preparado para acoller a persoas coa COVID-19.
O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo tivo que trasladar a unha trintena de pacientes tras detectarse a presenza de pulgas nunha vela da segunda planta, a 2 B, onde se sitúan servizos de Traumatoloxía e Cirurxía Plástica, como avanzou onte Nós Diario.

Os feitos ocorreron a pasada fin de semana, cando unha Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermería (TCAE) descubriu unha picadura, e púidose comprobar que había pulgas nesa zona do hospital.

Desta maneira, trasladouse aos doentes que se atopaban na vela 2 B á vela 2 A, que fora previamente liberada por se fose necesaria para pacientes de coronavirus. Así mesmo, contactouse coa empresa que o hospital ten contratada para realizar desinsectacións, que fumigou a zona.

Fontes do propio hospital precisaron que a aparición das pulgas é unha circunstancia allea á actividade interna do hospital, xa que proceden do exterior, e que xa desde o domingo a zona afectada fica libre de pulgas. Con todo, os pacientes trasladados quedáronse na vela 2 A para evitarlles a molestia dun novo cambio.