Unha praga de pulgas no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo provoca o feche da planta 2B

Vista do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo (Foto: Nós Diario).
Desde o pasado sábado, 6 de xuño, unha planta enteira dunha das velas que conforman  o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, concretamente, a 2B, permanece fechada debido a presenza destes insectos.

Desde o pasado sábado, 6 de xuño, unha planta enteira dunha das velas que conforman  o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, concretamente, a 2B, permanece fechada debido a unha praga de pulgas. As persoas que se atopaban ingresadas en todo ese espazo foron trasladadas á 2A. "Esas camas atopábanse baleiras, bloqueadas en cumprimento da normativa do Goberno estatal ante un posíbel rebrote da COVID-19", afirma, en declaracións a Nós Diario persoal sanitario do hospital, que pon de manifesto que non foi informado da situación nin mediante circular nin mediante comunicacións internas. "Soubémolo polo boca a boca", indican as fontes, que se preguntan: "Se non podemos previr nin unha praga de pulgas, como podemos previr a expansión do coronavirus?".

O departamento de comunicación do hospital confirmou a Nós Diario que se detectara "unha pequena presenza de pulgas" nunha tea na madrugada da pasada sexta feira ao sábado. "Desbotamos o uso da expresión praga de pulgas, xa que chegaron procedentes do exterior e só cunha leve presenza, actuándose con rapidez, procedendo a unha rápida intervención por parte dos servizos de desinfección e para o domingo xa estaba todo solucioando", informan fontes hospitalarias, que aseguran que a planta 2B segue fechada "para non ter que trasladar de novo os pacientes da 2A á 2B".

Os comezos do Hospital Álvaro Cunqueiro, cuxo modelo "público-privado" foi enxalzado polo Goberno galego e rexeitado maioritariamente pola sociedade, foron polémicos. Denuncias de ratos nos cuartos, augas residuais na UCI e filtracións polo aire acondicionado espertaron queixas de sindicatos e partidos políticos e provocaron o atraso da súa posta en funcionamento. Aos nove meses, tivo que cambiar de empresa de comedor pola baixa calidade da comida.