Trasladan, por estrada, un doente en padiola máis de 200 metros ante a falta de ambulancias

Momento en que o persoal do 061 traslada o paciente até o helicóptero medicalizado. (Foto: Europa Press).
Plataformas en defensa da sanidade do Rosal, A Guarda e Oia denunciaron os feitos.

Plataformas en defensa da sanidade pública do Rosal, A Guarda e Oia denuncian que un paciente tivo que ser trasladado en padiola durante máis de 200 metros desde o Centro de Saúde do Rosal até o helicóptero que o trasladaría ao hospital ante a falta dunha ambulancia medicalizada na localidade.

Os feitos

Segundo relatou a plataforma da Guarda nunha nota de prensa, a única médica que atendía neste centro de saúde do Rosal desprazouse cun paciente en ambulancia ao hospital de referencia en Vigo. Nese período de tempo presentouse outra urxencia que tivo que ser atendida pola “médica xubilada, non contratada para estas funcións".

Así, perante a falta de ambulancias, o 061 enviou un helicóptero medicalizado, mais o paciente tivo que ser trasladado pola estrada en padiola até 230 metros á aeronave polo persoal do centro e do 061.

Ante esta situación, as plataformas sanitarias denuncian que "se pon de manifesto unha vez máis carencias como un número insuficiente de ambulancias asistenciais, carencia dunha ambulancia medicalizada e falta de persoal sanitario"

Neste sentido, engaden que "é sabido" que en determinadas urxencias o tempo pode ser crucial para salvar a vida dun doente ou minimizar as posíbeis secuelas.

Peticións á Xunta

Por iso, demandan á Xunta da Galiza peticións concretas: dotar os centros de saúde destas localidades do persoal sanitario que lles corresponde, fixar de maneira permanente o segundo equipo de urxencias do Punto de Atención Continuada (PAC) da Guarda e dotalo dun profesional de enfermaría, dotar o Baixo Miño dunha ambulancia medicalizada así como aumentar as ambulancias asistenciais.