Parlamento

A Xunta ve o emprendemento como vía contra a pobreza

A Cámara lembra que 26% da poboación está no limiar da exclusión.
Pérez lembrou que 30% das familias recorta en gastos comúns. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG Daniel Pérez lembrou que 30% das familias recorta en gastos comúns. (Foto: Nós Diario)

O portavoz parlamentar nacionalista de Emprego, Daniel Pérez, reclamou esta sexta feira á Xunta na Cámara galega unha "actuación decidida" ante os datos que amosan que os fogares con dificultades para chegar a fin de mes na Galiza están por riba de 50% e, o que aínda é "máis preocupante", sobe a porcentaxe dos que contan con máis dificultades para rematar o mes.

"Ante a delicada situación socioeconómica, 12,60% dos fogares galegos mudou hábitos de compra, e 30% diminuíu outros gastos comúns, agás alimentación, procurando reducir gastos", expuxo o parlamentar, que instou o Goberno galego a "explicar" que medidas adopta ante este escenario.

A directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, en resposta ao BNG, afirmou que o Goberno da Xunta "hai anos" que se centra en actual naqueles "colectivos" máis sensíbeis á "precariedade", como mulleres ou parados de longa duración.

Toca tamén mencionou, entre as actuacións perante ás desigualdades e aumento da pobreza, a aposta por impulsar o "emprendemento" e a economía social.

O deputado do BNG citou indicadores como os de pobreza e desigualdade, con crecementos "significativos" que sitúan en 25,7% a poboación galega en risco de pobreza ou exclusión social, segundo o informe da EAPN-Galiza elaborado con datos de 2020.

Pola súa parte, a viceportavoz do grupo socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, denunciou que a Xunta deixa sen bono social eléctrico a 82% das familias galegas en situación de pobreza severa.

"44.442 familias galegas en situación de carencia material severa" fican sen este bono, alertou no Parlamento, ao tempo que instou o Goberno galego a "cambiar os requisitos" para que poidan "entrar todas as familias que estean en condicións" de necesitar este tipo de axudas.

Comentarios