Trasladadas ao hospital dúas persoas por un incendio nun bloque de vivendas en Compostela
O lume orixinouse no primeiro andar, calcinado por completo, e provocou fume no resto.
Dúas persoas foron evacuadas e, posteriormente, trasladadas ao hospital con problemas respiratorios como consecuencia dun incendio nun bloque de vivendas en Compostela, que calcinou o primeiro andar e provocou fume no resto.
Varias persoas particulares deron o aviso ao 112 Galiza perto das 10.50 horas deste sábado e alertaron de que saía fume de varios andares dun edificio situado no barrio de Pontepedriña, nunha localización próxima á Estación Intermodal da cidade. Ademais, avisaron da posibilidade de que houbese xente sen poder saír.
Finalmente, dúas persoas e un can tiveron que ser axudadas polos bombeiros a través da escaleira anterior. Segundo aseguran fontes municipais, foron trasladadas en ambulancia con problema respiratorios mais, en principio, non revestían gravidade. Outras catro saíron do edificio polo seu propio pé.
As causas do incendio están pendentes de determinar. A esta hora, os servizos de extinción xa abandonaron o lugar, dando o lume por apagado.
