O prezo do gasóleo incrementouse en 52,5% nun ano, alcanzando onte 1,80 euros

Os transportistas votan a favor de continuar o paro

As e os transportistas que secundan o paro indefinido no sector percorreron esta quinta feira Ourense até chegar á sede da Subdelegación do Goberno (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).

A folga de transporte por estrada entra no seu sétimo día. Os efectos déixanse notar en diferentes esferas da economía e os transportistas insisten en continuar coas súas reivindicacións. O incremento do prezo do gasóleo en 52,5% no último ano fai "inviábel" continuar coa actividade a moitas empresas e autónomos.

Os custos de produción do transporte de mercadorías por estrada atópanse en máximos históricos. Mentres en marzo de 2021 o prezo medio do gasóleo na Galiza estivo en 1,18 euros, a día de onte marcou 1,80 euros, rexistrando unha suba no período de 52,5%. A este respecto, Silvia Chaves, administradora dunha pequena empresa de transporte en Rois, comenta que “a situación que vivimos é asfixiante, sendo imposíbel coa alza do último mes repercutir os custos ao cliente”. “O paro é para nós unha necesidade, porque estas subas lévannos á ruína e iso obríganos a parar”, asegura a Nós Diario.

A suba dos custos

Chaves lembra que “non só é que se estea a incrementar o prezo do gasóleo, senón tamén o doutros produtos e materiais necesarios para que funcione o vehículo”. Neste sentido, refírese á suba do adblue, un líquido de uso obrigado que reduce as emisións e a contaminación dos camións, cuxo custo é 200%  máis elevado que hai un ano. Asemade, pon o foco na suba de equipamentos como as rodas, 43% superior a marzo de 2021, e defende continuar coa folga até que “o Goberno do Estado interveña para fixar unhas condicións que nos permitan traballar”.

'A folga vai seguir'

José Angel Rodríguez é un autónomo de Narón que participa do grupo de transportistas concentrados no polígono da localidade. En declaracións a Nós Diario amósase convencido de que “a folga vai seguir e vaise endurecer aínda máis nos vindeiros días, porque a cada momento se está sumando máis xente” e adianta que “vimos de elaborar un documento coas nosas reivindicacións para achegalas ás Administracións”. Na mesma liña, sinala que “o grupo concentrado no polígono empresarial do Río de Pozo, en Narón, está formado por autónomos, unha parte importante deles dedicados ao sector forestal”.

Natalia Blanco é a coordinadora xeral da Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada da Galiza (Apetamcor). A entidade, fundada hai máis de 30 anos e integrada a nivel de Estado na Federación Nacional de Asociacións de Transporte de España (Fenadismer), agrupa autónomos e pequenas e medianas empresas do sector, sendo unha das organizacións convocantes do paro do transporte na Galiza. Blanco destaca a “independencia política da asociación”, nega calquera vinculación coa extrema dereita e afirma que “só estamos dando voz aos nosos asociados".

'Poder traballar'

Blanco sinala Nós Diario que “reivindicamos poder traballar por enriba de custos, por iso é necesario que o Goberno do Estado interveña, porque non podemos deixar que sexan as cargadoras as que fixen os prezos dos portes”. “As grandes empresas teñen máis remanente e máis capacidade de presión para repercutir os prezos aos seus clientes, porén as pequenas compañías ou os autónomos carecen desa capacidade de negociación, empregando as grandes empresas moitas veces aos autónomos para realizar os servizos e actuando elas como operadores loxísticos”, explica.

“O sector do transporte de mercadorías por estrada está pasando por un dos momentos máis críticos dos últimos tempos, no que a precariedade e a desesperación son protagonista” afirma Blanco, que significa que “o transporte profesional non é culpábel da inflación de prezos nin do desabastecemento social, nin moral nin legalmente. Nós somos os prexudicados, e non imos permitir que caia nas nosas costas unha responsabilidade que é do Goberno do Estado”, di. Nese sentido, aposta pola “intervención dos prezos do carburante por parte do Goberno” estatal.