Os transportistas alertan: a "tarxeta de racionamento" podería chegar co Nadal

Un camión nunha estrada galega, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Xunta / Europa Press)
O sector na Galiza confirma que vai secundar o paro patronal convocado entre o 20 e o 22 de decembro. En consecuencia, consideran que pode decorrer un "colapso" en diversos sectores.

As e os transportistas da Galiza, en liñas xerais, teñen previsto sumarse ao paro patronal que convocou o Comité Nacional de Transporte por Estrada para o 20 de decembro. De non chegar a acordo e seguir adiante coa protesta, a folga deste sector prevista entre as 00.01 horas do 20 de decembro e as 23.59 do 22 de decembro pode dar nun "colapso" en diversos sectores que obrigue a estabelecer unha "tarxeta de racionamento en varios produtos e alimentos" no Nadal.

Esta sexta feira, o Ministerio de Transportes comprometeuse ante as principais patronais do sector da distribución de mercadorías por estrada a presentar a próxima semana un paquete de medidas que solucione os problemas polos que atravesa o sector, entre eles a suba dos custos do seu traballo sexa polo incremento dos prezos dos carburantes ou polos gastos nos talleres, entre outros.

Entre vehículos pesados e lixeiros (furgóns) hai máis de 7.000 empresas de transporte no país, maiormente micropemes e autónomos, cun tamaño medio de catro vehículos por compañía. Isto eleva a frota chamada a parar a entre 25.000 e 30.000 vehículos, segundo datos do sector.

E é que o transporte por estrada move sobre o 90% das mercadorías na Galiza, tamén segundo este ámbito. "Pero non é só un colapso de mercadorías, é un colapso de sectores", advirte o presidente da Federación Empresarial de Transportes de Mercadorías por Estrada de Galicia (Fetram), Antonio Señarís, respecto do que pode dar de si o paro.

Na campaña de Nadal

O representante pon de exemplo que a campaña de Nadal "é a campaña de moitos pesqueiros, se o peixe non se reparte, poden ter a campaña prexudicada deste ano".

"Igual que pasa coa cesta de Nadal, se non está no mercado, vai chegar a haber unha cartilla de racionamento de produtos do Nadal", engade.

Nunha entrevista con Europa Press, o xerente de Fegatrans- Apetamcor, Alberto Vila, explicou que un camión de roteiro tiña uns custos de explotación mensuais de perto de 10.000 euros, os cales creceron nuns 1.500 euros nos últimos meses. Todo iso nun contexto "no que os transportistas non teñen capacidade de negociación como ultimo elo da cadea loxística para repercutir na tarifa que aplica aos clientes".

Así, o sector considera que está "afogado" económicamente, traballando nalgúns casos mesmo con perdas, algo que "non é sostíbel no tempo". No último ano, padeceron unha "escalada de custos" de entre o 15% e o 20%".

Tamén por problemas laborais

Máis aló do económico, un dos principais puntos polos que pasan as súas reivindicacións é que as e os condutores queden exentos da obrigación da carga e descarga.

Sobre esta situación, Vila aclara que os condutores teñen que facer este labor como "consecuencia da precarización gradual" da actividade, "cada vez con máis intensidade".