O transporte por estrada lastra unha mobilidade máis activa, limpa e sostíbel

A ONU defende o uso da bicicleta como medio de transporte simple, accesíbel, limpo e ambientalmente sostíbel. (Foto: ConBici)
Desde hoxe máis de 1.700 vilas e cidades europeas, entre elas varias galegas,  conmemoran a Semana da Mobilidade, unha cita que busca reivindicar conexións máis sostíbeis, saudábeis e seguras, pero tamén dar a coñecer as experiencias de quen xa aposta por unha mobilidade alternativa en vilas e cidades, mais en áreas interurbanas.

A bicicleta converteuse co paso dos anos nun medio de transporte máis en moitos territorios, habitual nos desprazamento diarios á escola ou ao traballo. Noutros, a bici e os seus carrís, comezan a ser máis visíbeis, pero aínda testemuñais, insignia dunha mobilidade alternativa que non acaba de callar e que require dunha planificación transversal do tránsito para facelo máis respectuoso e menos dependente dos vehículos, cuxas infraestruturas acaparan entre o 60 e 0 70% do espazo público.

A mellora da mobilidade urbana e interurbana na Galiza está estancada

Vicente Otero é membro da plataforma ConBici e usa a bicicleta a diario. Faino na contorna da capital da Galiza, mais tamén aló onde viaxa e onde observa unha implantación máis ambiciosa. Defende a existencia de carrís bici sobre todo pensando no público menos avezado que teme dar a primeira pedalada entre o tráfico rodado, mais avoga pola intergración deste medio na contorna, "favorecendo primeiro os peóns, despois os transportes brandos -colectivos e máis sostíbeis- e por último o vehículo privado.

Alternativas eficientes

A mellora da mobilidade urbana e interurbana na Galiza está estancada, apunta. "Non melloran as liñas de autobuses nin de tren. Non temos ferrocarril de proximidade. Ademais, a Covid favoreceu que a xente escapase do transporte público, que aínda se está a recuperar, e en canto á bici, poucas cidades están a apostar por ela cando hai alternativas eficientes como os carrís alternativos ou os contracarrís, con normas específicas para as bicletas".

O transporte supón neste momento de emerxencia climática 40% das emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera

Apunta unha implantación deficiente. "Hai infraestruturas pero non sempre están conectadas entre si nin co tráfico en xeral. Non están ben deseñadas e nin son seguras". Tampouco o son as viaxes interurbanas, "con beirarrúas cada vez máis estreitas en favor da calzada e obstáculos que obrigan a entrar no carril con velocidades de 80 ou 90 km/h".

O transporte supón neste momento de emerxencia climática 40% das emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera, segundo destaca a voceira de mobilidade de Adega, Adela Figaroa. "Desa porcentaxe, 90% é responsabilidade dos transportes por estrada", precisa, polo que chama a reducir o tráfico e a promover solucións alternartivas que garantan a autonomía das persoas e da Galiza.

Artellar unha mobilidade sostíbel e segura, sinala a ecoloxista, exixe tamén pensar no rural. "Se vives nunha aldea precisas un coche". De todos os transportes interurbanos o  menos contaminante é o tren, que compite sen acabar de impoñerse coa mobilidade por estrada, onde observa "moitos intereses creados".

"As vías de ferrocarril na Galiza non están ben explotadas nin coordinadas, polo tanto, non garanten unha boa comunicación interurbana en todos os sentidos". Pon como exemplo a falta de conexión entre Lugo e Santiago ao tempo que censura o afán "centralizador" das comunicacións cara a meseta cando "Madrid está lonxe de todo".

Adela Figueroa reclama para a Galiza "a competencia dos camiños de ferro" para asegurar mellores conexións internas e promover a Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, unha medida que permitiría combinar o aproveitamento económico coa redución das emisións de CO2 ao diminuír a dependencia do vehículo privado.

Ante todo, peóns

Destro das cidades Vicente Otero bota en falta inciativas  decisivas. "Non se buscan solucións de tipo metrolixeiro para as cidades máis grandes como Vigo e A Coruña nin se desenvolven políticas de transporte público individual ou colectivo mil. Tampouco se favorece os péons, que é o que somos ante todo". Neste sentido Figueroa apunta o caso de Pontevedra e de agora de Lugo, que está a reducir o tráfico a conta de facer peonil moitos espazos da cidade. "Unha mobilidade activa e intelixente tamén depende  do modelo urbanístico que se promova, da fórmula escollida para habitar as cidades, que agora mesmo son as grandes alteradoras do clima". As da Galiza aínda son "asumíbeis", di, pero tamén teñen que avanzar e reducir a súa pegada ecolóxica.