A tradición de troulas na Galiza: 28 de decembro ou 1 de abril?

Un refrán galego di que "o 1 de abril van os burros onde non deben ir". (Foto: Nós Diario).
Ramón Otero Pedraio xa sinalaba o 1 de abril como o día das brincadeiras e das trampas e recollía unha tradición que, malia esmorecer nas últimas décadas, aínda se mantén.

O Día dos Inocentes é o 28 de decembro ou o 1 de abril? Na Galiza celébrase o día das troulas e brincadeiras o primeiro de abril, pero no Estado español segue imperando o 28 de decembro. O día de hoxe coñécese como Día dos Santos Inocentes no Estado español.

Nesta data, a relixión cristiá conmemora a matanza de bebés ordenada polo rei Herodes, uns días despois do nacemento de Xesús. De aí que nesa data se lles dese ás crianzas licenza para faceren troulas, e esta tradición perdurou até hoxe. Mais na Galiza é o 1 de abril o que se considera o Día dos Inocentes. Xa o di o refraneiro galego: “O 1 de abril van os burros onde non deben ir”, facendo referencia á tradición de facer bromas e enganos ese día.

Hipóteses sobre a orixe

De onde vén a tradición? Hai moitas hipóteses, mais ningunha confirmada. Unha delas, a máis popular, é a que comenta o antropólogo Rafael Quintía: no século XVI en Francia o ano novo comezaba nesa época, as celebracións ían do 25 de marzo ao 1 abril. Despois, o rei Carlos IX aprobou un novo calendario de festexos, que fixaba que o Aninovo caía a partir dese momento no 1 de xaneiro. Daquela a información circulaba máis a modo, polo que moitos seguirían a celebrar o 1 de abril e non o 1 de xaneiro. Había quen lles chamaba "os parvos de abril", de aí o nome que se lle dá a esta data nalgúns países onde se celebra.

Quintía relaciona toda a tradición de troulas co fin de ano: "É lóxico que sempre que hai unha data de carácter liminal vaia asociada a un paquete ritual común”. Explica que o 1 de abril era unha data que supoñía o final dun ciclo e o comezo doutro, neste caso do ano. De aí a tradición de troulas tan típica deste tipo de datas.

Troulas típicas

En Historia de Galiza, Ramón Otero Pedraio xa sinalaba o 1 de abril como o día das brincadeiras e das trampas e recollía unha tradición que, malia esmorecer nas últimas décadas, aínda se mantén. Consiste en enganar, pero como entretemento, sen ánimo de crear malestar aos demais. Antes, incluso os medios de comunicación participaban, lanzando novas falsas. Outra broma típica deste día era a de colarlle papeis ao lombo aos demais sen que se desen conta, nalgúns países o habitual era un peixe, na Galiza temos a tradición de colgar o burro ao lombo. Este animal semella estar moi relacionado con este día e con esta tradición.

Brincadeiras en moitos países

Mais a Galiza non é o único territorio da península en celebrar o 1 de abril. Tamén o fai Portugal co Día da Mentira e Menorca co Dia d’Enganar. Por outra parte, coñécese como Poisson d'avril en Francia e o Pesce d'aprile en Italia, que traducido é peixe de abril, e como April Fool's Day, no Reino Unido e os países de cultura anglosaxoa, que se pode traducir como día dos parvos ou día das bromas de abril.

Hai máis dunha vintena de Estados no mundo que consideran o 1 de abril como día de troulas e brincadeiras, como, entre outros, Brasil, Estados Unidos, Canadá, Polonia, Romanía, Alemaña, Austria, Países Baixos, Australia, Líbano ou Xapón.

Pola contra, outros como Arxentina, Bolivia, Chile, Colombia, Costa Rica, Cuba, Ecuador, O Salvador, Filipinas, México, Panamá, Paraguai, Perú, Uruguai ou Venezuela conmemoran o día das bromas o día 28 de decembro. Gran parte de América Latina celébrao ese día, seguramente en relación coa relixión cristiá, ao igual que pasa no Estado español.