Do 5 ao 8 de xullo

Tradición e moita música na Rapa das Bestas de Sabucedo

[Imaxe: Rapa das Bestas] Fotografía da pasada edición.

O municipio da Estrada albergará esta fin de semana unha nova edición da Rapa das Bestas. A festividade deste ano constará de tres rapas e dun amplo cartaz musical.

A primeira fin de semana de xullo é sinónimo de festa no concello da Estrada. A parroquia de Sabucedo, na cal viven 60 habitantes, vese asolagada polos milleiros de persoas que acoden cada ano á Rapa das Bestas.

A celebración desta festividade, declarada de interese turístico internacional, comezará a próxima sexta feira, día 5, e prolongarase até a entrada da próxima semana, o día 8. En total serán catro xornadas nas que se a tradición se conxugará cunha ecléctica oferta musical.

O programa

O inicio da Rapa estará marcado polo madrugador son dos foguetes e o repenique das campás durante a alborada do día 5. A xeira comezará as 6.30 da mañá coa celebración da misa a San Lourenzo, patrón ao cal se lle pide protección para as bestas e as persoas que participen na festa.

Media hora máis tarde, ás 7 horas, sairase ao monte na procura dos cabalos e das eguas ceibes. Unha vez xuntas, ás 14 do mediodía procederase á súa baixada até o cerro, lugar no que estarán durante o transcurso da celebración.

Este ano haberá tres rapas. O sábado terá lugar a primeira, ás 19 da tarde, no curro do Campo de Medio. Neste mesmo emprazamento celebrarase o domingo, ás 11.30 horas, a segunda e a derradeira será o luns ás 12 do mediodía.

Entre medias delas, as persoas visitantes poderán desfrutar dunha gran troula e verbena da man dun variado cartaz musical, que estará composto por grupos de música tradicional galega, charangas e bandas de rock.

A oferta musical dará comezo ás 23 horas do día 5 co Rapasons. O folclore popular de Tanto nos ten, o rock de Monoulious Dop, a mistura de ska e reagge dos Benignos e o funk-rock dos Funkiwis prolongarán até a madrugada as celebracións da primeira xornada.

A troula continuará sen descanso ao día seguinte. A banda de música do Concello actuará ás 16 horas do sábado. Ás 17 horas, será a quenda da charanga Mekanica Rolling Band, do grupo folclórico Tequexequeldere e dos gaiteiros Airiños de Caldelas. A verbena comezará ás 22 da noite a cargo das orquestras Gran Parada e D’moda.

O domingo porase punto e final ao terreo musical. Rosa Cedrón será a encargada de inaugurar a xornada cun concerto ás 11.30 da mañá, mentres que os Festicultores amenizarán o xantar. Ás 15 horas haberá unha foliada a cargo de Oradaladou, as Pandereteiras do Val de Quireza, Con foula, Pablo Díaz, De vacas e os Carunchos. As orquestras New York e Miramar despedirán, ás 22 horas, a edición até o vindeiro ano.