MANTENSE A GRAN MOBILIZACIóN DE COMPOSTELA

Os tractores quedan en Lugo

Tractorada, hoxe, en Lugo

Gandeiros e gandeiras que levan desde a quinta feira cos seus tractores ao pé da muralla de Lugo decidiron, en asemblea, permanecer mobilizados na cidade amurallada até, como mínimo, o 10 de setembro.

Nunha asemblea que tivo lugar contra as 17h, gandeiros e gandeiras que participan na protesta de Lugo acordaron permanecer na cidade, como mínimo, até a vindeira quinta feira (10 de setembro). De cumprirse o aprobado esta tarde, a mobilización cumpriría unha semana ao pé da muralla.

A decisión dos gandeiros e gandeiras concentrados, xunto aos seus camións, na ronda da muralla non vai impedir a convocatoria da gran mobilización prevista para Compostela durante os próximos tres días. Así, a Plataforma galega en defensa do sector leiteiro informa de que se manteñen as previsións iniciais e que os tractores están chamados a se concentrar ás 11h na explanada de Salgueiriños, de onde partirán ao mediodía nunha extensa tractorada ao longo da cidade.

A protesta convocada en Compostela concluirá a quinta feira (10 de setembro), a data límite fixada pola ministra de Agricultura para chegar a un acordo co sector. O obxectivo dos gandeiros e gandeiras galegas pase por que tanto a Administración como o pobo tomen conciencia da grave situación que atravesan e para que os gobernos poñan medidas para solucionalo.